As probas de certificación ComDix no seu nivel Intermedio rexistraron unha elevada participación

mércores, 13 de maio do 2026 S. P.

As Aulas CeMIT da Rede CeMIT, espazos de referencia para a formación e capacitación dixital da cidadanía galega, dependentes da axencia autonómica AMTEGA, acolleron entre o 28 e o 30 de abril unha nova convocatoria das probas de acceso libre para a obtención da certificación ComDix Intermedio.
Segundo destacan dende AMTEGA, esta convocatoria destacou pola súa "elevada participación”, con 993 persoas presentadas nas diferentes localidades que forman parte da rede. Ademais, salienta a axencia, “a diversidade xeográfica das sedes permitiu que cidadáns e cidadás de toda Galicia puidesen acceder ás probas en condicións de proximidade e comodidade, reforzando así o compromiso da Rede CeMIT coa inclusión dixital e a igualdade de oportunidades”.
A maiores, os resultados provisionais, publicados recentemente, reflicten “un notable nivel de preparación por parte das persoas participantes”. De feito, máis de 600 aspirantes acadaron a cualificación de apto, o que supón unha porcentaxe de éxito moi significativa nesta edición. “Este dato pon de manifesto o interese crecente da sociedade galega por mellorar as súas competencias dixitais e acceder a certificacións oficiais que reforcen o seu perfil profesional e persoal”, salientou AMTEGA, que transmitiu un agradecemento a todas as persoas participantes, así como ao persoal técnico das aulas pola súa implicación na organización e desenvolvemento das probas.
Os resultados definitivos faranse públicos unha vez completado o proceso de revisión e validación.
Nivel Iniciación
AMTEGA tamén fixo saber estes días que está aberto o período de inscrición para que 1.259 persoas poidan obter a Certificación Galega en Competencias Dixitais (ComDix), no seu nivel Iniciación. As probas faranse en 46 localidades con aula CeMIT.
Esta convocatoria está aberta a toda a cidadanía e ten como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional.
As probas realizaranse os días 17, 18 e 19 de xuño repartidas en 98 quendas que abarcan diferentes horarios de mañá (ás 10 e ás 12 horas) e de tarde (16:30 horas) para poder así facilitar a asistencia das persoas interesadas.
Segundo lembra a AMTEGA, os lugares e datas concretas cos seus horarios pódense consultar na páxina web da rede CeMIT, na que figura o calendario destas probas presenciais nas devanditas 46 Aulas CeMIT así como información sobre toda a tramitación e inscrición neste proceso.
Na plataforma de teleformación da Rede CeMIT pódense atopar en liña os contidos formativos para a preparación da proba, que abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de Competencias Dixitais.
Para obter o certificado ComDix Iniciación é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.
Novas convocatorias neste ano 2026
AMTEGA lembra tamén que durante o segundo semestre esta previsto publicar no Diario Oficial de Galicia novas convocatorias destas probas presenciais para obter a certificación de competencias dixitais (ComDix).
A previsión é convocar o ComDix no seu nivel Intermedio a mediados do mes de outubro e, no seu nivel Iniciación, a primeira semana de decembro. As datas exactas, xunto coas bases da convocatorias, está previsto publicalas a primeiros do mes de setembro.