As vendas de smartphones de Huawei en España cae por debaixo do 5%

mércores, 23 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Aínda que antes do verán o mercado español de smartphones amosaba o claro liderado de Xiaomi, aínda mantiña a Huawei nunha boa posición, probablemente polo feito de que conservaba bastante catálogo de produtos previos ao veto estadounidense e, polo tanto, cos servizos de Google preinstalados, pero os novos modelos de móbiles non gozan de tal vantaxe, e a tenda de aplicacións de Huawei ten demasiadas carencias como para que os usuarios de a pé opten por dispositivos problemáticos, o que afectou drasticamente á súa cota de mercado segundo adiantan dende ADSLZone, onde aseguran que este mes as vendas de Huawei non chegarán ao 5%.
Huawei chegou a superar o 20% de cota de mercado en España ao longo do ano, algo que parece bastante abraiante (aínda que cómpre mencionar que nalgún momento chegou a ser a marca líder no noso territorio), polo que caer até o 4,2% das vendas é quedar nunha posición insignificante en plena campaña de Nadal, o que fai que a partir de agora vexamos a esta marca máis como de informática e electrónica de consumo que de telefonía móbil.
En contraste, marcas como Oppo e Redmi conseguiron mellorar a súa presenza comercial, mentres que Samsung foi capaz de manter a súa posición, algo bastante complicado na conxuntura económica e sanitaria actual.

A evolución das vendas de smartphones en 2020 reflicte a dura caída de Huawei

PUBLICIDADE