Aumenta o uso de Instagram, TikTok e o streaming entre os internautas galegos

xoves, 11 de decembro do 2025 S. P.

Segundo o EGM (Estudio General de Medios) as galegas e os galegos están a incrementar a súa actividade online, liderada polo crecemento sostido da mensaxería instantánea (+3,3%), as redes sociais e o consumo de contidos audiovisuais baixo demanda. O aumento do 5,8% en Instagram, o forte impulso de TikTok (+11%) e o crecemento do 5,2% en Netflix consolidan unha clara tendencia cara a contidos visuais, dinámicos e á carta nos hábitos de consumo dixital da nosa comunidade.
Así o avala o recente informe rexional elaborado pola axencia AVANTE, a partir dos datos da 3ª onda do EGM 2025. Unha análise que examina en profundidade os medios máis consumidos en Galicia, trazando unha radiografía precisa da evolución das audiencias en Radio, Prensa, Internet, Exterior, Cinema e Revistas.
Segundo estes datos, Galicia rexistra un escenario mediático en transformación, con Internet situándose como o medio máis consumido, superando a Televisión e Exterior. Os medios dixitais (CTV & Vídeo Online, Redes Sociais e Audio Online) seguen a medrar, mentres que diarios e revistas sofren descensos significativos. En conxunto, a análise demostra unha clara evolución cara a formatos audiovisuais dixitais e contidos accesibles baixo demanda, cunha persoa usuaria galega cada vez máis conectada e esixente na selección de plataformas e soportes.
En canto á plataforma de vídeo baixo demanda, os galegos e galegas seguen apostando por Netflix, que medra un 5,2% ata unha penetración do 46,7%. Séguelle Amazon Prime Vídeo, que acada o 36,1% (+1,2%). Tamén aumenta o consumo de Movistar+ (+9,9%). Pola contra, Disney+, HBO e R perden audiencia en Galicia. En canto a que plataforma empregar para escoitar música en streaming, Spotify mantén a primeira posición cun 30,9% de penetración, seguida de YouTube Music (9,2%) e Amazon Prime Music (3,3%).
No caso de Internet, faise co primeiro posto no consumo de medios en Galicia. A CTV & Vídeo Online (65%) lideran os medios dixitais, situándose por diante da radio convencional. Séguenlle as redes sociais (56,2%), os sitios de contidos (49,4%), e o Audio Online (42,4%). Televisión e Exterior comparten o segundo posto no consumo de Galicia, cunha penetración do 76%.
A televisión perde un 4,1% respecto de 2024, mentres que a caída de Exterior é do 2,5%. En Galicia Radio sitúase no 5º posto, por detrás de TV conectada. A súa penetración aumenta paseniño respecto ao ano anterior (+0,4%), chegando ata o 57,3%. Os diarios (-10%) e as revistas (-18,8%) perden lectores, mentres que os suplementos medran lixeiramente (+4,5%).