Avanza en Porto o proxecto Erasmus+ EDIGIT, no que participa o CITIC

venres, 27 de xuño do 2025 S. P.

A cidade de Porto (Portugal) acolleu os pasados días 25 e 26 de xuño a segunda reunión transnacional presencial do proxecto europeo Erasmus+ EDIGIT (European Digital Inclusive Guide for Innovative Teaching), no que o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC participa a través do seu programa Talentos Inclusivos. Precisamente, o primeiro encontro tivera lugar a comezos de ano no propio centro TIC da Universidade da Coruña, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia.
Na reunión de Portugal participaron en representación do CITIC, Manuel G. Penedo, director do centro; Javier Pereira, subdirector e investigador principal do proxecto Talentos Inclusivos e Irene Brage, responsable de proxectos do programa. Á representación do CITIC sumouse tamén a docente Marta López, do IES Poeta Díaz Castro, un dos centros educativos que participaron nas dúas últimas edicións do programa Talentos Inclusivos.
Este encontro tivo como obxectivo principal “a presentación da versión definitiva da guía metodolóxica e pedagóxica, xunto co índice de contidos que marcará o desenvolvemento dos módulos formativos do proxecto”. Durante as xornadas, tamén foron asignadas as responsabilidades sobre o desenvolvemento destes módulos aos distintos socios.
A reunión foi organizada pola entidade EPES, socio portugués do consorcio, que ademais de actuar como anfitrión, presentou o Paquete de Traballo nº 3 (WP3), centrado na creación de materiais formativos. Ao longo das dúas xornadas realizáronse múltiples actividades colaborativas, entre elas obradoiros de traballo e visitas institucionais pola cidade de Porto.
O encontro comezou cunha visión xeral do proxecto e a presentación dos resultados dos grupos focais nacionais, e continuou con sesións centradas na xestión, comunicación, avaliación e planificación futura do proxecto.
EDIGIT é unha iniciativa que promove a inclusión educativa a través de metodoloxías dixitais innovadoras, implicando a entidades académicas, centros de investigación e centros educativos de distintos países europeos.
O consorcio do proxecto, liderado polo CITIC, inclúe outras seis institucións de cinco países diferentes: Academia José Moreira da Silva (Portugal), Kezenfogva Osszefogas A Foyatekosokert Alapitvany- Hand in Hand Foundation (Hungría), Gymnázium Jiřího Gutha-Jarkovského (República Checa), ASPACE Coruña (España), Polo Europeo della Conoscenza – IC Bosco Chiesanuova (Italia) e On Projects Advising SL (España).
O CITIC, como coordinador do proxecto en España, subliña a importancia desta colaboración internacional para crear recursos educativos que fomenten unha maior inclusión e equidade na educación dixital. O proxecto Talentos Inclusivos comprométese a ofrecer unha formación de alta calidade que non só mellore as habilidades dixitais do profesorado, senón que tamén faga do ensino STEM unha experiencia accesible e inclusiva para todas e todos.
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC da UDC e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia a través das Consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e de Política Social e Igualdade.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos formulados por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia deben buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE e da Asociación de familias de persoas con parálise cerebral (APAMP).