Avatel incorpora un novo trebello para coidar dos nosos maiores: o Reloxo Durcal

mércores, 4 de marzo do 2026 S. P.

A operadora de telecomunicacións Avatel, creada por empresarios de raíces galegas e con presenza en localidades como Ribeira, Chantada, Salceda, Marín e Silleda, anunciou a incorporación á súa carteira de servizos do Reloxo Durcal, unha solución de teleasistencia avanzada que permite mellorar a seguridade, a autonomía e a tranquilidade das persoas maiores, á vez que reforza o acompañamento e a conexión coas súas familias.
O novo servizo nace da colaboración estratéxica entre Avatel e Durcal, plataforma de teleasistencia privada, e responde en palabras das dúas empresas “a unha realidade social cada vez máis presente”, a realidade do envellecemento da poboación e a necesidade de solucións que permitan aos maiores vivir de forma máis independente, sen renunciar á protección e ao contacto permanente con quen máis lles queren.
O Reloxo Durcal é un dispositivo de teleasistencia deseñado especificamente para persoas maiores, que permanece permanentemente conectado, a unha central receptora de alarmas, garantindo atención inmediata ante calquera situación de emerxencia.
Entre as súas principais funcionalidades destacan o botón SOS con atención inmediata, que permite solicitar axuda de forma sinxela en caso de emerxencia; a detección automática de caídas, con aviso directo á central e aos contactos configurados; a localización GPS en tempo real, tanto dentro como fóra do fogar; a monitoraxe de constantes vitais, como pulso, nivel de osíxeno e actividade diaria; e os recordatorios de medicación, configurables desde a aplicación.