Axentes de Estados Unidos interrogan a unha nena por protestar en Internet contra a política de Bush
luns, 16 de outubro do 2006
Hai unha cousa que se chama facer o idiota, e niso probablemente sexan expertos os axentes dos servizos secretos de Estados Unidos que obrigaron a unha nena de 14 anos a saír da súa clase por ter pendurado nunha páxina de Internet diversas ameazas e protestas contra a política de George Bush.
O obxectivo desta nova manobra de antiterrorismo (probablemente dificultosa, tendo en conta o perigoso do obxectivo) do Goberno de EE UU? Interrogar á devandita nena, achegándolles ademais a tódolos nenos do mundo que a mensaxe de que a liberdade de expresión está moi ben, pero non é aconsellable se hai cousas en xogo tan “importantes” e “sagradas” como a guerra de Irak.
De feito, foi a natureza belicista de George Bush o que motivou os comentarios da nena nunha web, onde os servizos secretos atoparon caricaturas do presidente e mensaxes de ameaza.
O despregue policial aconteceu no centro escolar McClatchy de Sacramento (California), onde cursa estudos a moza Julia Wilson, quen durante certo tempo quixo manifestar a súa repulsa pola actitude belicista do seu Goberno, facendo uso de determinados foros de Internet. O interrogatorio durou 15 minutos e, ó parecer, os axentes en ningún momento lle pediron á nena o seu consentemento para levalo a cabo.
