Baixa a criminalidade xenérica en Galicia pero sobe a cibercriminalidade

xoves, 19 de febreiro do 2026 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, analizou este xoves 19 de febreiro os últimos datos oficiais publicados polo Ministerio do Interior e pechados a decembro de 2025, que sitúan a Galicia, por primeira vez na historia, “como a segunda comunidade máis segura de España”, acadando a súa mellor posición desde que existen estatísticas oficiais, destacou, engadindo que a nosa terra rematou o ano pasado cunha taxa de criminalidade de 35,4 infraccións penais por cada 1.000 habitantes. Porén, as cifras cambian cando falamos de delitos a través das novas ferramentas dixitais, que se incrementaron nun 9,3%.
15 puntos por debaixo
Volvendo á criminalidade xenérica, a taxa de 35,4 infraccións penais sitúase 15 puntos por debaixo da media nacional consolidando á Comunidade como “o segundo territorio máis seguro de España”. Excluíndo a cibercriminalidade, a nosa comunidade reduciu a criminalidade convencional nun 2%, con 1.396 delitos menos que no ano 2024 e nun 10,6% con respecto ao ano 2018. Ademais, desde ese ano reducíronse en máis da metade os roubos con violencia ou forza en domicilios e establecementos comerciais.
Novos delitos en liña
En relación coa cibercriminalidade, o balance confirma que “segue a medrar e representa xa preto do 27% do total das infraccións penais coñecidas”.
Así, en 2025 rexistráronse 25.892 ciberdelitos, como dixemos un 9,3% máis que no ano anterior, destacando especialmente as estafas informáticas, que aumentaron un 10,3%.
O delegado do Goberno fixo un chamamento á prudencia e á concienciación cidadá fronte a este tipo de delitos dixitais, “que non entenden de fronteiras e que requiren prevención, formación e colaboración”.