Baños de Molgas contará cun polo de emprendemento
martes, 5 de setembro do 2023
A
conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo,
acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel
Alén, anunciou este martes 5 de setembro a creación dun novo polo
de emprendemento e de apoio ao emprego en Baños de Molgas (Ourense),
que “permitirá dinamizar a economía local e incrementar as
oportunidades laborais na contorna”, dixo, no marco dun encontro
con empresarios desta contorna ourensá, no que puxo en valor o seu
potencial para “a creación de emprego rural, próximo e de
calidade”.
Rivo
remarcou o potencial de sectores como o turismo termal, o primario e
forestal en Baños de Molgas, terra rica en oportunidades, na que o
novo polo de emprendemento suporá un “pulo importante”, afirmou.
Galicia
está a tecer unha rede de polos de emprendemento para dar cobertura
ao 100% do territorio, unha experiencia que iniciou o seu percorrido
hai algo máis dun ano e que está a cumprir co seu triplo obxectivo:
“Casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e
social da nosa comunidade; dinamizar o mercado de traballo, buscando
a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos; e fixar poboación
no territorio”.
O de
Baños de Molgas ampliará a rede de polos da provincia ourensá,
tras a posta en marcha de dous no Carballiño e en Verín e a próxima
inauguración dun terceiro no Barco de Valdeorras.
Os
polos ofrecen acompañamento continuado para as persoas emprendedoras
en cada unha das fases polas que pasan os seus proxectos, favorecendo
a transformación tecnolóxica das súas iniciativas de mercado. O
obxectivo é “converter os polos en centros de dinamización dos
territorios nos que se asentan, sendo foros de interlocución que
permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde
a Administración coa colaboración do sector privado”.
Ata
a actualidade, a rede de polos xa realizou 1.500 titorías para sacar
adiante as iniciativas duns 500 emprendedores.