Besteiro e González Casares enxalzan a innovación tecnolóxica de Delta Vigo
xoves, 6 de xuño do 2024
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o candidato socialista a renovar o seu escano no Europarlamento, Nicolás González Casares, visitaron este xoves 6 de xuño a sede da empresa Delta Vigo, que recibiu 4,5 millóns de euros do PERTE de Aeronáutica impulsado polos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o que equivale ao 59 % dos fondos destinados a proxectos estratéxicos dese sector en Galicia. Besteiro e Casares destacaron a importancia destas axudas europeas para o desenvolvemento tecnolóxico e sostíbel do sector aeroespacial en Galicia.
Nicolás González Casares salientou o papel fundamental de Delta Vigo no sector “porque demostra que estamos a apostar por unha transición ecolóxica tamén no sector aeronáutico, xa que, entre outros proxectos, a empresa está a facer pezas para avións para que estes consuman menos enerxía”. Casares destacou a importancia desta empresa “clave e tractora para o sector aeronáutico galego” e o modelo de crecemento no que se sustenta, sen esquecer as súas raíces galegas.
José Ramón Gómez Besteiro, pola súa banda, destacou o feito de que os fondos europeos permitan “que unha empresa galega impulse a innovación tecnolóxica e sostíbel do sector aeroespacial”, e salientou “como as axudas comunitarias impulsadas polo Goberno ao crecemento intelixente e á cohesión social e territorial”. En Delta, sinalou, “súmase todo iso”.
Besteiro, que tivo a oportunidade de coñecer todos os proxectos do grupo vigués que contan con fondos europeos, dixo: “Esta empresa, de 75 anos de historia, é un exemplo do que buscamos. Rexeitamos esa Europa triste, negra, unha Europa de división que nos faría retroceder décadas a apostamos polo crecemento sustentábel e verde”.
Delta Vigo, unha empresa familiar que evolucionou desde un pequeno taller en Vigo que atendía a estaleiros e conserveiras ata converterse nun líder en innovación tecnolóxica no sector aeroespacial, foi beneficiaria de varios proxectos subvencionados con fondos europeos. Entre eles:
-Proxecto ECOMAP: Este proxecto investiga unha tecnoloxía disruptiva para a fabricación de materiais compostos, como a fibra de carbono, co obxectivo de facilitar o deseño e a fabricación de aeroestructuras complexas e integradas para avións comerciais, aumentando a eficiencia e a capacidade de produción. O proxecto está subvencionado polo CDTI e o Ministerio de Ciencia e Innovación no marco do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2021-2023.
-Proxecto CUVICO: Enfocado en desenvolver compoñentes avanzados de fuselaxe utilizando materiais compostos, este proxecto busca optimizar o deseño e a fabricación de estruturas de fuselaxe para avións comerciais, contribuíndo ao desenvolvemento de aeronaves con cero emisións. Está financiado polo CDTI e o Ministerio de Ciencia e Innovación como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e do Programa Estatal de Liderazgo Empresarial en I+D+i.
-Proxecto PEGASO: Este proxecto céntrase en innovar dentro do sector aeroespacial, mellorando as capacidades tecnolóxicas e produtivas de Delta Group Spain, promovendo avances significativos en manufactura e tecnoloxía aeroespacial para posicionar a España como líder neste ámbito.
-Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER): Delta Vigo Aeroestructuras foi beneficiaria do Fondo FEDER, que apoia diversas iniciativas de innovación e desenvolvemento dentro da empresa, mellorando a infraestrutura tecnolóxica e as capacidades produtivas para fomentar o crecemento e a competitividade no sector.
“A participación de Delta Vigo nestes proxectos subliña a súa capacidade para liderar a innovación na industria aeroespacial e de manufactura, contribuíndo ao desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas e sostíbeis”, subliñaron.
Na visita á empresa, Gómez Besteiro e González Casares, que estiveron acompañados polo alcalde de Nigrán, Juan Antonio González, e a deputada autonómica Elena Espinosa, percorreron as instalacións xunto ao seu presidente, Francisco Puga González.