Black Ops Royale, o novo modo de Warzone inspirado en Blackout

luns, 2 de marzo do 2026 Redacción

Call of Duty: Warzone incorpora Black Ops Royale, un modo de balde inspirado en Blackout (Black Ops 4) que modifica varias das dinámicas habituais do xogo: non hai loadouts, nin Gulag, nin estacións de compra, nin cartos durante a partida. O lanzamento está previsto para o día 13 ás 5:00 horas.
A proposta parte dun principio claro: todos os equipos entran en wingsuit cun equipamento mínimo e, a partir dese momento, a supervivencia depende da capacidade para saquear, mellorar o armamento e controlar o ritmo do enfrontamento. Haberá 100 xogadores distribuídos en 25 escuadróns de catro, cun perímetro electrificado que se vai pechando progresivamente a medida que avanza a partida.
O escenario principal é Avalon, que pasa a desempeñar o papel de mapa grande dentro de Warzone. O deseño aposta por sectores urbanos densos, interiores variados e rutas expostas nas que a mobilidade é determinante. Reduciuse a presenza de auga e habilitáronse novas zonas transitables (bancos de area e pasos pouco profundos) para facer máis fluídas as rotacións e favorecer un combate máis directo sobre terra.
O núcleo do modo está no sistema de armas. Cada peza de botín aparece cun nivel de rareza e cun arquetipo de construción que define o seu comportamento e evolución. En vez de personalizar con accesorios soltos, a progresión faise mediante kits que incrementan a rareza e desbloquean, por orde, accesorios predeterminados ata completar unha arma lendaria. O xogador non constrúe unha clase antes da partida, senón que adapta a súa estratexia ao que atopa no terreo, potenciando unha arma concreta ata convertela nunha ferramenta decisiva.
A interface, denominada Cerebral Link, mantén a estrutura visual de Warzone pero engade máis información contextual: valores de vida visibles, rareza e tipo de construción da arma, así como a ruta completa de mellora dispoñible. O inventario amplíase para permitir transportar máis tipos de equipamento e facilita cambios rápidos durante o combate.
O sistema de perks recupera o espírito do Blackout orixinal cun enfoque máis táctico: non hai ocos fixos, senón melloras consumibles que se activan cando convén e que poden intercambiarse entre compañeiros. A redespregadura tamén cambia: desaparece o Gulag e o regreso á partida depende de tokens atopados durante o xogo ou da captura de torres específicas no mapa, o que dá máis peso á coordinación do escuadrón.
Entre os elementos máis singulares están as Cradle Breaches, zonas cubertas por un gas vermello que introducen hordas tipo zombi e recompensas especiais. Trátase dun sistema de risco e recompensa: dentro destas áreas poden aparecer botíns de primeiro nivel e xefes específicos, pero tamén aumenta a exposición fronte a outros equipos.
Black Ops Royale intégrase ademais na progresión compartida con Black Ops 7 e Warzone, con desafíos, misións e desbloqueos específicos, reforzando a súa condición de modo estrutural dentro da experiencia global da saga.

Vídeo promocional de Black Ops Royale