Blizzard non estará presente na Gamescom
xoves, 2 de maio do 2019
- Blizzard sempre tivo un grande poder de convocatoria na Gamescom
O futuro
das grandes feiras de videoxogos está cada vez máis en dúbida, e tras
anunciarse que Sony non
acudirá á vindeira edición do E3 en Los Ángeles, temos agora que Blizzard
non acudirá á Gamescom de Colonia, asegurando que tomaron esta decisión
para centrarse no desenvolvemento dos seus xogos actuais e futuros proxectos.
Temos así que a Gamescom non contará
con presenza oficial de Blizzard, o que fai que a feira de videoxogos de
referencia en Europa perda moita forza, aínda que a compañía pertencente a
Activision si confirma que haberá produtos relacionados coas súas marcas á
venda durante o encontro presencial e asegura que non se trata dunha despedida
definitiva, ou sexa, que non desbotan o retorno á Gamescom no futuro.
En calquera caso, resulta evidente que Blizzard non ten moito interese en ter
presenza nas grandes feiras de videoxogos, xa que os seus xogos teñen peso
dabondo como para que o seu propio evento, a BlizzCon, teña un grande poder de convocatoria
e proxección mediática, resultando moito máis rendible economicamente e
facilitando tamén a organización dos seus equipos de traballo de cara á
preparación de demos que poidan probarse na feira.