CTAG reforza a súa aposta pola electrónica do automóbil cun acordo coa francesa Cortus

mércores, 4 de febreiro do 2026 Redacción

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) vén de pechar unha alianza estratéxica coa compañía tecnolóxica francesa Cortus co obxectivo de acelerar o desenvolvemento de novos sistemas electrónicos para o vehículo do futuro. A colaboración céntrase no deseño de unidades electrónicas de control baseadas en tecnoloxías abertas como RISC-V e no cumprimento dos estándares AUTOSAR, nun contexto marcado pola dixitalización, a intelixencia artificial e a crecente automatización da mobilidade.
Segundo informou o propio centro, o acordo permitirá combinar a experiencia de CTAG no desenvolvemento de sistemas electrónicos e na integración de software para automoción co coñecemento de Cortus no deseño de procesadores de altas prestacións, baixo consumo e arquitectura escalable. Ambas as dúas entidades traballarán de maneira conxunta no deseño, desenvolvemento e validación dunha nova xeración de unidades electrónicas de control que incorporen microcontroladores RISC-V e as súas plataformas de software asociadas.
Un dos primeiros fitos desta colaboración será a provisión dun MCAL compatible con AUTOSAR para o microcontrolador Ulyss1 de Cortus, así como o desenvolvemento de ECUs baseadas neste compoñente. O obxectivo é garantir a interoperabilidade e o cumprimento dos estándares actuais da industria, facilitando que fabricantes e provedores poidan conservar os seus activos de software e avanzar cara a novas arquitecturas de vehículo definido por software cunha transición progresiva e previsible.
Desde CTAG salientan que esta iniciativa responde á necesidade de contar con solucións máis flexibles e abertas, capaces de dar resposta aos novos requisitos do coche conectado, intelixente e automatizado. O director de Electrónica e Mobilidade Intelixente do centro, Francisco Sánchez, destacou que o acordo reforza o posicionamento de CTAG nun ámbito considerado estratéxico para o futuro da automoción e da mobilidade avanzada.
Pola súa banda, desde Cortus subliñan que a colaboración permitirá ofrecer plataformas RISC-V para automoción aliñadas cos estándares do sector e preparadas para asumir as esixencias crecientes en termos de rendemento, seguridade e integración de funcións de intelixencia artificial.
Con este acordo, CTAG consolida o seu papel como axente relevante no ecosistema internacional de innovación en automoción, participando en proxectos que sitúan Galicia na vangarda do desenvolvemento tecnolóxico do sector e contribúen a reforzar a competitividade da industria do automóbil.