Case medio milleiro de escolares xúntase en Compostela para tirar partido dos datos

venres, 17 de novembro do 2017 Redacción

Este venres a nosa mocidade ten unha cita cos datos en Compostela. Estamos a falar da xornada Stat Wars: o espertar dos datos, un vento participativo que busca afondar no ensino da estatística e das súas posibilidades para mellorar o mundo: combatendo andazos, predicindo desastres e axudando a evitalos ou desenvolvendo produtos modos de vida máis sustentábeis e ecolóxicos. A cita celébrase no Teatro Principal de Santiago ás 11.00 horas e será presentada por Manuel Vicente García, condutor do programa Efervescencia da Radio Galega. Participan case medio milleiro de estudantes de secundaria e bacharelato de todos os recantos da nosa terra.
Stat Wars, segundo informan os seus impulsores, busca transmitir a idea de que, amais dunha profesión de futuro, a estatística pode ser unha ferramenta imprescindíbel en distintas disciplinas (medicina, economía, medio ambiente, xornalismo, ...) para resolver os problemas aos que nos enfrontamos na actualidade. O proxecto lidérao o grupo interdisciplinar de Bioestatística da USC (GRIDECMB) que dirixe a profesora Carmen Cadarso Suárez en coordinación coa Universidade Carlos III de Madrid. O equipo deseñou unha serie de actividades co formato de pílulas estatísticas a través das que se poderán ver aplicacións directas da estatística en disciplinas actuais como os deportes, as redes sociais e a información a gran escala (Big Data).
A cita conta con financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a colaboración da empresa Biostatech Sl, do Concello de Santiago, do programa Efervescencia da Radio Galega, do centro educativo En Clave Método Suzuki e do Espazo de Danza da USC. Ademais é unha actividade que se realiza noutros puntos da xeografía española a través dos distintos Nodos da Rede Nacional de Bioestatística (BIOSTATNET). Quen queira recadar máis datos sobre este evento, ten máis información en Facebook e Twitter .

PUBLICIDADE