Case un terzo dos usuarios non elimina a súa información persoal do móbil cando se desfai del
luns, 27 de xaneiro do 2014
Seguimos co Día
da Protección de Datos, que se celebra este 28 de xaneiro e que
na nosa terra está a ser reflectido en detalle polo Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG),
tal e como
sinalamos este luns en Código Cero. Como lembraremos, con esta
celebración trátase de pór de manifesto a importancia de
concienciármonos máis sobre a necesidade de traballar por unha Rede
máis segura. A tódolos niveis e facendo fincapé en aqueles
colectivos con maior risco de exclusión dixital. Para botar un pouco
máis de luz sobre a situación actual da Internet en materia de
medidas que salvagarden a información dos usuarios, Locompramos.es
vén de publicar un estudo no que se di que case un terzo dos
cidadáns españois non borra os seus datos cando se desfai dos seus
dispositivos electrónicos.
Locompramos.es, unha
empresa que se dedica á compravenda de aparellos tecnolóxicos
usados, alerta tamén que España está por debaixo da media europea
en materia de coidado e protección de información. As consecuencias
disto, de termos a garda baixa no que se refire a salvagardar o que
xeramos, é que acontezan cousas como quen unhas fotos nosas cheguen
a man de descoñecidos ou que mensaxes e contactos dos nosos móbiles
acaben sendo usados por outros. A compañía elaborou o estudo onde
figuran os devanditos datos con coñecemento interno da empresa
procedente de 4 países europeos. No informe salienta que os
austríacos obteñen a mellor puntuación en coidado dos seus datos,
xa que o 95% dos dispositivos que chegan á empresa procedentes deste
país non conservan ningún rastro do seu antigo propietario. A esta
porcentaxe séguenlle os trebellos procedentes de Alemaña (93%) e
Polonia (82%). España encabeza a listaxe pola cola, “xa que a
porcentaxe de dispositivos baleiros de datos descende ata o 73%”,
infórmase. Por tipoloxía de dispositivos, os móbiles entréganse
sen datos nun 77%, ségueno de preto os computadores portátiles nun
74% e as tablets nun 71%. Para os responsables da empresa,
“que un 27% dos españois venda os seus dispositivos sen eliminar
previamente o seu contido é algo que debería preocuparnos e
deberían aplicarse políticas de concienciación neste sentido”,
indica Enrique Aguilar, director do servizo.
