Chega Breogán VSTi, a primeira gaita virtual de balde para tocala dende o computador

mércores, 18 de marzo do 2026 S. P.

Tocar a gaita de xeito virtual xa é unha realidade grazas ao creador coruñés Carlos Lijó, que vén de lanzar Breogán VSTi, a ferramenta musical virtual, aberta e de balde, que permite tocar a gaita e outros instrumentos tradicionais galegos directamente dende un computador. Non é a primeira vez que Lijó achega a música tradicional ao dixital, xa o fixera con Carmucha, o plugin que de maneira libre, accesible e de balde achegaba a calquera persoa o son de instrumentos como a pandeireta, o tamboril ou o pandeiro para a creación de novos ritmos.
Desta volta, Breogán permite recrear de maneira virtual o son de varios instrumentos de vento como a gaita, o pito, a requinta e o asubío de xeito dixital e está pensado para ser empregado tanto en composición como en produción musical.
Será o 21 de marzo, data na que se conmemora o Día Europeo da Música Antiga, cando se lance ao mundo Breogán VSTi que, xunto con Carmucha VSTi (presentada o pasado xullo), pon ao dispor de músicos, produtores ou creadores audiovisuais a posibilidade de achegar sons destes instrumentos tradicionais galegos nas súas composicións, sen necesidade de dispoñer dos instrumentos físicos nin de realizar gravacións complexas.
Sinalar que para a gravación das mostras contouse coa colaboración do artista de música tradicional Nicolás Salgado Biempica, encargado de interpretar os instrumentos durante as sesións de gravación, co obxectivo de capturar o son con naturalidade e respecto pola tradición interpretativa.
Segundo o seu creador, Carlos Lijó, Breogán VSTi foi deseñado pensando tanto en músicos tradicionais como en produtores modernos. O instrumento, engade, “inclúe diferentes articulacións, control de dinámica e varios paneis de configuración que permiten modificar parámetros como ecualización, reverb, vibrato ou envolvente, facilitando adaptar os sons a diferentes estilos musicais”. Do mesmo xeito que con Carmucha, “este proxecto tamén busca pór en valor o patrimonio musical galego, demostrando que os instrumentos tradicionais poden convivir perfectamente coas tecnoloxías actuais e formar parte da creación musical contemporánea”, explica Lijó.
Breogán VSTi estará dispoñible para o público de xeito libre, accesible e de balde, permitindo que calquera persoa poida explorar e usar o son da música tradicional galega nas súas propias creacións. O plugin poderá descargarse a partir do sábado.

Vídeo de presentación de Breogán VSTi