Clausurada a segunda edición de Vodafone Connecting for Good Galicia

martes, 24 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe, perante a presenza de múltiples representantes das nosas TIC máis solidarias, celebrouse na Cidade da Cultura o acto de clausura da segunda convocatoria do programa Vodafone Connecting for Good Galicia. A cita foi na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e no seu transcurso colleu novos azos (con vistas a vindeiras edicións) o principal obxectivo do programa: impulsar novas ferramentas e servizos para dar reposta ao meirande número de demandas das nosas entidades sociais e dos colectivos en risco de exclusión social ou tecnolóxica; ao tempo que se enriquecen os ámbitos da saúde, o benestar ou o envellecemento saudábel. De todo isto tratan, precisamente, a media ducia de proxectos empresariais impulsados na segunda edición de Vodafone Connecting for Good Galicia.
Na cita participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, quen aseguraron que os seis proxectos que participaron na convocatoria 2017-2018 son “o exemplo de como a innovación ponse ao servizo das persoas para mellorar o seu benestar e calidade de vida con iniciativas que dan resposta a retos sociais relacionados coa saúde, o envellecemento activo e a modernización de sectores con tecnoloxías facilitadoras”.
O conselleiro enmarcou esta iniciativa no mapa de aceleradoras galegas que están posibilitando o desenvolvemento de 600 proxectos cun investimento que supera os 18 millóns de euros.
Como lembraremos, Connecting for Good Galicia vén da man da Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). A finalidade do programa é “apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación, as TIC, en Galicia”.
Unha imaxe do acto de clausura da segunda convocatoria de Vodafone Connecting for Good GaliciaOs seis proxectos devanditos participantes están orientados a buscar solucións tecnolóxicas a cuestións vencellladas á accesibilidade, á creación e fabricación 4.0, á formación interactiva, á mediación social, á tecnoloxía biométrica e á contribución ambiental.
Son os seguintes:
· 3DAcoustic, que proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción, e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto propio e innovador totalmente axustado a cada persoa.
· It!, unha empresa de creación e fabricación 4.0, que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada. It! ten como obxectivo achegar e popularizar o uso da tecnoloxía de impresión 3D en todos os sectores mediante o seu espazo de venda en liña It!Market e o seu FabLab na Coruña It!Lab.
· Formadox. Unha plataforma de formación interactiva en tecnoloxía que achega ao usuario a experiencia da formación presencial dos talleres ou os laboratorios, mediante vídeos, simuladores e kits didácticos. A formación que se ofrece é a relacionada, entre outras materias, co Internet das cousas, a Industria 4.0, a robótica, a impresión 3D, as técnicas de fabricación dixital, a visión artificial, a realidade virtual e aumentada.
· Mediación Móbil. Trátase dun proxecto que busca axuntar novas tecnoloxías e plans integrais de mellora da convivencia en catro ámbitos (educativo, familiar, empresarial e deportivo) co obxectivo de prover a todo tipo de persoas dunha ferramenta de prevención e resolución de conflitos accesíbel, económica, personalizada e profesional.
· Sense(x), un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios, mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir. Ademais, grazas a un software específico, integra o sensor con diferentes dispositivos, o que posibilita para obter estatísticas detalladas dos diferentes sensores, análises de uso, e mesmo compartir resultados nunha rede social.
· Tapper. Consiste nunha aplicación móbil que contribúe a reducir o refugallo alimentario. Grazas a Tapper, os establecementos poden publicar ofertas de produtos preto do fin da súa vida útil, que os usuarios poden adquirir a un prezo rebaixado.

PUBLICIDADE