Novas convocatorias para acceder ao ComDix

venres, 16 de xaneiro do 2026 Redacción

A AMTEGA publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia tres convocatorias para acceder á Certificación galega en competencias dixitais (ComDix), que se desenvolverán ao longo do primeiro semestre de 2026.
Dúas das convocatorias corresponden ao nivel de iniciación. A primeira abrirá o prazo de inscricións o vindeiro luns 19, mentres que a segunda iniciará o proceso en maio. No caso do nivel intermedio, está prevista unha convocatoria con apertura de inscricións durante o mes de marzo.
A información actualizada sobre as aulas da rede, así como as datas e quendas concretas de cada centro participante, publicarase de maneira periódica na páxina web da Rede CeMIT.
As persoas interesadas poderán rexistrarse a través dun sistema automático que lles notificará por correo electrónico a apertura dos prazos de inscrición e a posibilidade de iniciar a tramitación da solicitude. Unha vez pechado o prazo ordinario e publicado o listado definitivo, no caso de quedaren prazas vacantes habilitarase un período extraordinario para a súa adxudicación entre os solicitantes que figuren nas listas de espera.
As convocatorias están abertas a toda a cidadanía e teñen como obxectivo certificar os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarias para o uso das tecnoloxías dixitais nos ámbitos persoal, social e profesional.

Contidos en liña e avaliación

Na plataforma de teleformación da Rede CeMIT están dispoñibles os contidos formativos en liña para a preparación das probas, que abranguen as cinco áreas e as 21 competencias recollidas no Marco Galego de competencias dixitais.
Para obter o certificado ComDix de iniciación será preciso superar un cuestionario tipo test de entre 60 e 70 preguntas, no que se avaliarán as 21 competencias definidas no Marco Galego ComDix.

Convocatorias

Nivel

Convocatoria 

Días das probas 

Horarios 

Prazo de inscrición

Iniciación

Febreiro

25, 26 e 27

10.00 h
12.00 h
16.30 h

Do 19 ao 28 de xaneiro

Intermedio 

Abril

28, 29 e 30

10.00 h
12.00 h
16.30 h

Do 16 ao 25 de marzo

Iniciación

Xuño

17, 18 e 19

10.00 h
12.00 h
16.30 h

Do 4 ao 13 de maio