Comeza a 33 edición do Encontro da Economía Dixital

luns, 2 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe, mañá e pasadomañá celébrase na sede da UIMP (Palacio da Madalena) en Santander a 33 edición dun dos grandes eventos tecnolóxico-empresariais do ámbito estatal: o Encontro da Economía Dixital e as Telecomunicacións que organizan anualmente a entidade AMETIC coa colaboración do Banco de Santander e da Universidade Internacional Menéndez Pelayo. O lema deste ano (O momento da reindustralización dixital) é unha declaración de intencións: todas as entidades e empresas participantes, mesmo as tecnolóxicas, queren poñer o foco na necesidade de subirnos ao carro da transformación tecnolóxica (agora ou nunca).
O congreso foi inaugurado hoxe por Pedro Mier (presidente da AMETIC), a ministra Nadia Calviño, a reitora da UIMP María Luz Morán e a vicepresidenta de Santander España, Isabel Tocino.
O evento contará coa participación de altos representantes da Administración e de organismos públicos españois e europeos, máximos executivos das empresas tecnolóxicas referenciais, centros de investigación, académicos e investigadores e relatores relevantes. Entre os persoeiros máis destacados da cita atópase o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que pechará co seu discurso (o día 4) o programa de actividades.
Xunto co presidente en funcións, as ministras de Economía e Empresa, Nadia Calviño, de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, e de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, participarán no encontro.
Como dixemos, o evento terá lugar no Palacio da Madalena de Santander no marco dos cursos de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo.
Durante tres días haberá conferencias maxistrais e mesas redondas, co fin de promover o debate multilateral entre os distintos actores do sector desde diferentes perspectivas: Intelixencia Artificial e Big Data (análise de información a gran escala); vehículos conectados e mobilidade sustentábel; conectividade e aplicación 5G; desenvolvemento do talento dixital; ciberseguridade; computación cuántica; macroproxectos tractores; ou dixitalización das PEME, entre outros ámbitos temáticos. A axenda do evento está a disposición da comunidade internauta na web de AMETIC.

PUBLICIDADE