Comeza a campaña para confirmar pola vía telemática o borrador da Renda

luns, 4 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Xa albiscamos ao lonxe, pero cada vez máis preto, a contorna da Axencia Tributaria, ese edificio que moitos de nós só visitamos unha vez ao ano e xa se para que: para ir cumprindo coas obrigas do fisco, nos guste ou non nos guste. O caso é que semella que pola vía da Administración Electrónica hai melloras postas en xogo para a realización deste trámite, e mesmo parece que hai probabilidades de que se nos evite unha visita presencial ás oficinas de Facenda, sempre e cando esteamos de acordo co que se nos diga no borrador da Renda 2010.
Falamos dun novo servizo habilitado que nos permitiría confirmar o dito bosquexo a través do móbil e accedendo á web da Axencia Tributaria e sen que sexa preciso agardar a telo nas mans.
Os requirimentos que se piden son os seguintes: comunicar o número de identificación (NIF), o importe do recadro 698 da declaración do exercicio 2009 e máis o número de móbil no que queiramos que apareza o SMS o número de referencia.
Con esta cifra poderemos ter acceso aos datos fiscais e ao borrador, o que nos permitirá decidir se queremos confirmalo ou mudalo.
Cómpre lembrar que o prazo para presentar a declaración remata o 30 de xuño.
A solicitude do dito bosquexo da declaración remata o 27 de xuño, e pódese facer a través dos medios telemáticos habilitados de xeito específico ou ben por teléfono (901 200 345 ó 901 121 224), ou de xeito presencial, en calquera delegación de Facenda.
Amais do devandito, cómpre ter en conta que non toda a cidadanía está obrigada a facer a declaración. De feito, non ten que facela quen obtivera en 2010 rendementos íntegros do traballo co límite xeral de 22.000 euros anuais, procedendo dun único pagador.

PUBLICIDADE