Comeza a conta atrás para o inicio do Carballo Interplay
martes, 7 de abril do 2026

- Imaxes da presentación de Andrea Morandeira
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay desenvolverá do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo a súa 13ª edición cun programa de 32 actividades arredor da creación dixital contemporánea, das series en pequeno formato, a cultura de Internet e a reflexión sobre os novos modos de comunicar na rede. Así se deu a coñecer este martes 7 de abril na presentación da nova edición do certame celebrada no Museo de Bergantiños, na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, xunto ao vicepresidente da Deputación da Coruña (e concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo), Xosé Regueira, as co-directoras do festival, Sonia Méndez e Andrea Villa, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez López.
Segundo fixeron saber, o certame reforza especialmente este ano a presenza do galego como lingua de creación, conversa e pensamento no ecosistema dixital, cunha programación específica arredor dos contidos no noso idioma nas redes sociais, accións formativas para a mocidade, premios dirixidos a recoñecer o talento que crea na nosa lingua e novas oportunidades para a produción de proxectos audiovisuais nados no ámbito dixital. Ao tempo, volverá combinar entretemento, análise, industria e comunidade nunha proposta ampla e transversal que confirma a singularidade do encontro.
Apoio da Xunta
O Carballo Interplay vén contando nas súas pasadas edicións co apoio da Xunta a través da convocatoria de subvencións para festivais audiovisuais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dotada en 2026 con 310.000 euros para contribuír á organización de citas estratéxicas para o sector en Galicia e actualmente en trámite de resolución.
No acto de presentación, Jacobo Sutil destacou a súa capacidade para “anticiparse aos cambios do ecosistema dixital” e convertelos nunha programación “útil, atractiva e conectada co presente”.
Sutil puxo tamén o acento no valor do festival como “plataforma de visibilidade e impulso para novas xeracións de creadoras e creadores”, especialmente no eido dos contidos en galego, e subliñou a súa fortaleza á hora de situar a creación dixital “como un ámbito central da cultura contemporánea”, con capacidade para “xerar industria, abrir conversacións relevantes e conectar coa mocidade desde formatos e linguaxes propias”. Salientou que “un dos sinais máis recoñecibles do Carballo Interplay 2026 é o protagonismo estrutural da creación dixital en galego, presente tanto en actividades de reflexión e conversa como nos certames do festival”.
Apoio da Deputación
Durante a presentación, Xosé Regueira salientou a importancia de comprender o que acontece no ámbito dixital para poder distinguir os seus efectos positivos e negativos, sinalando que “un dos obxectivos da sociedade tamén é entender o que pasa no ámbito dixital para saber tamén diferenciar o que pode ser bo e o que pode ser malo, como na vida mesma. E no mundo dixital hai cousas moi boas”. O vicepresidente provincial puxo en valor a traxectoria do evento e o seu carácter pioneiro, lembrando que “naceu primeiro como un festival de webseries, algo que todo o mundo entendía como un irmán menor ou como un ámbito menor da creación, do cinema e tal. Daquela era, foi, unha decisión arriscada”. Destacou a súa evolución ao longo do tempo, subliñando que o Carballo Interplay soubo adaptarse aos cambios tecnolóxicos e mesmo superar momentos complexos como a pandemia, consolidándose como un espazo de debate arredor da sociedade dixital.
Así, incidiu en que “a capacidade do Interplay, a da súa dirección e a da súa equipa, foi tamén evolucionando co tempo. Pasáronnos moitas cousas, pasounos mesmo a pandemia polo medio. Pero como se evolucionou, a evolución cara ás webseries, cara aos contidos dixitais, pero hoxe por hoxe tamén é un espazo de debate, un espazo de debate onde se fala do que pasa na sociedade e que tal reflexo ten tamén no ámbito dixital”.
Regueira salientou tamén o papel do galego como lingua vehicular do festival, nun espazo aberto e inclusivo no que conviven diferentes linguas sen conflito, e subliñou a capacidade do evento para situar Carballo no mapa internacional da creación dixital. Neste sentido, apuntou que o Carballo Interplay demostra que desde un concello como Carballo é posibel marcar axenda no ámbito dixital e competir con grandes capitais, converténdose nunha referencia para creadoras e creadores de contido.
Axenda polo galego
A programación do xoves 16 de abril incidirá especialmente nesta liña cunha xornada arredor da lingua nas redes, na que participarán máis de 350 alumnas e alumnos de centros de ensino secundario.
Ese día desenvolveranse a conversa Sobrevivir en galego nas redes sociais, con Prado Rúa e Konachadas, e o obradoiro Radicalmente online – Activismo en redes sociais, impartido por Marina G. Canedo. A proposta complétase coa presentación do número cinco da revista Clara Corbelhe, arredor do artigo Scroll, lingua, nación: a galeguidade política nas redes na era TikTok, coa participación de Malva F. R. e Élia Lago.
Tamén volverán ocupar un lugar destacado os certames de creación dixital en galego. O Premio á Produción de Contido Dixital en Galego concederá 3.000 euros para o desenvolvemento do proxecto gañador, mentres que os galardóns á Mellor Canle e á Mellor Creadora ou Creador recoñecerán con 600 euros cada categoría. Estes dous galardóns acadaron este ano unha participación de 35 proxectos, a cifra máis alta ata o momento, o que confirma o dinamismo e o crecemento deste ámbito creativo.
Programa amplo e transversal
O Carballo Interplay estrutúrase en oito bloques e 32 actividades, nunha combinación de sección oficial, estreas, espectáculos e podcast en directo, contidos de creación galega, obradoiros, faladoiros profesionais, paneis e música ao vivo. A súa Sección Oficial volverá ser un dos grandes piares do festival con 19 series, 17 delas procedentes de 10 países, co que se consolida a proxección exterior do certame e o seu papel como escaparate de novas narrativas no audiovisual dixital. A programación incluirá a preestrea en Galicia de Millennial Mal, da galega Lorena Iglesias; a presentación de Epidemia Invisible, de Román Varela, gañadora do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego na pasada edición; e a proxección infantil da serie galega de animación PIPO.
O festival reunirá tamén directos, podcast e propostas creadas especificamente para esta edición, como Rajando con… Bimboficadas, Pop y Muerte, Sexo en Nueva York Podcast, I’ll see you in my dreams. Twin Peaks e Plot Twins. Duplicadas por guión, achegando por primeira vez a Galicia algunhas das voces máis destacadas do panorama dixital estatal. A actividade prevista inclúe Zona PRO, os paneis sobre IA, divulgación de novos formatos, e o concerto de Pantis.
