Comeza na Coruña GsickMinds acubillando a primeira plana da seguridade TIC mundial
martes, 28 de outubro do 2014
O Palacio de Congresos e
Exposicións da Coruña (PALEXCO) acolle esta semana (entre o
mércores 29 e o venres 31) a sexta edición de GSickMinds,
congreso organizado polo Grupo de Seguridade da Información da
Coruña (GSIC) e destinado, en liñas xerais, a fomentar e impulsar o
talento dos nosos profesionais en materia de protección e salvagarda
dos datos e, tamén, compartir coñecemento e experiencia para loitar
contra as vulnerabilidades actuais da información. Entre os
relatores hai profesionais destacados de empresas como Yahoo!,
Google, Microsoft, Apple, Salesforce, Mozilla ou British Telecom.
Segundo nos conta a organización, entre estes especialistas en
seguridade TIC hai tres talentos galegos (Ángel Prado, Jesús Pérez
ou Diego Ferreiro) formados na Facultade de Coruña e que están a
traballar en EE UU en empresas de primeiro nivel como Salesforce ou
Filterly.
Á cita, engaden os
responsábeis do encontro, acudirán os mellores investigadores
nacionais e internacionais en materia de salvagarda da información e
JavaScript, que compartirán a súa bagaxe profesional e os seus
achados con profesionais e estudantes vencellados ás novas
tecnoloxías. Este fluxo de coñecemento materializarase a través de
charlas e obradoiros sobre as principais problemáticas actuais da
protección TIC, sobre as grandes eivas das redes e os sistemas
informáticos e sobre as posíbeis solucións que se poden adoptar
para salvagardar a integridade e confidencialidade dos activos
dixitais.
Segundo engade a
organización das xornadas ao respecto dos porqués de desenvolver e
convocar un evento coma este, “hoxe en día a seguridade da
información é unha das maiores preocupacións para as empresas, os
gobernos e os usuarios de todo o mundo, é por iso que o GSIC aposta
por potenciar o talento para traballar nesta arte misteriosa e
favorecer o desenvolvemento de sistemas de información seguros,
asesorando ao sector privado e á rede de universidades españolas”.
Entre os profesionais que participarán nos encontros atópanse
(entre outros) Javier Rodríguez do GDT (Grupo de Delitos
Telemáticos), Alberto Pastor de Mozilla, John Buchanan de
Salesforce, Caridy Patiño de Yahoo! ou Marc Rivero de Seifreed.es.