Comezan as visitas ás empresas TIC da terceira edición de Tecnólog@ por un día
luns, 25 de novembro do 2019
O programa
Tecnólog@
por un día, que brinda a estudantes de 12 a 17 a
oportunidade de experimentar “en primeira persoa” unha xornada
laboral con profesionais de empresas do sector TIC en Galicia,
comezou as visitas da súa nova edición, a terceira. É unha das
iniciativas do Plan de Promoción de Talento Dixital de Galicia 2020,
DigiTalent, impulsado pola axencia AMTEGA.
Segundo
informa a axencia autonómica, nesta nova convocatoria ofrécense 74
prazas, “unha cifra récord desde o seu lanzamento”, grazas a
colaboración de 12 entidades que, xunto coa axencia autonómica,
repetirán a experiencia: Altia, Coremain, DXC Technology, Everis,
Iecisa, Orange, Sivsa, Corporación Televés e os socios do Clúster
TIC Galicia Aldaba, Dos espacios, Sixtema e Tecalis.
En
total, sumando as tres edicións, 175 estudantes tiveron a
oportunidade de ser tecnólogas e tecnológos por un día. AMTEGA
engade que esta convocatoria foi a convocatoria da consolidación
definitiva do programa, que foi incrementando o número de
solicitudes cada ano até chegar a máis de 380: “En total, máis
de 700 alumnos e alumnas galegas interesáronse no programa”,
explica axencia, engadindo que “xa se está a traballar para poder
ofrecer novas prazas nunha cuarta edición antes de finais deste
curso 2019/20”.
Nesta
nova quenda prestarase especial atención a reducir a fenda de xénero
que existe entre mulleres e homes nos estudos nos eidos STEM (polas
súas siglas en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e
Matemáticas), reservando un terzo das prazas para as nenas, que
supuxeron finalmente un 45% das prazas asignadas.
Ao
longo desta nova experiencia (estes meses de novembro e decembro), as
entidades colaboradoras acollerán nas súas instalacións aos
participantes co fin de mostrarlles “as dinámicas das profesións
TIC, aclarar as súas dúbidas vocacionais e ofrecéndolles a
oportunidade de participar directamente en actividades que os
profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo,
reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc”, engade AMTEGA.
Nesta
terceira convocatoria as e os participantes acudirán a 19 centros de
traballo distintos distribuídos nas 4 provincias galegas
correspondentes á propia AMTEGA e ás 12 empresas que colaboran no
programa.