Complétase o traslado dos servizos tecnolóxicos do SERGAS ao novo CPDI da Xunta
venres, 5 de xullo do 2013
O Servizo Galego de Saúde finalizou a reubicación da
infraestrutura tecnolóxica dos seus sistemas de información no Centro de
Proceso de Datos Integral (CPDI) situado na Cidade da Cultura, desde o que se xestionan
agora servizos como a historia clínica electrónica, a e-receita, a cita previa
ou o Expedient-e. Este traslado enmárcase no proceso de integración de todos os
servizos TIC da Xunta nesta plataforma tecnolóxica de altas prestacións, que
permitirá ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns, incrementando a súa
dispoñibilidade con todas as garantías de seguridade.
Ademais, o CPDI proporciona a capacidade de crecemento para abordar proxectos
tecnolóxicos chave da Administración autonómica como o Innova Saúde e Hospital
2050, que está a impulsar a Consellería de Sanidade, segundo explicou a
conselleira, Rocío Mosquera Álvarez, nunha visita
ao centro, na que estivo acompañada de Mar Pereira, a directora da AMTEGA,
departamento que xestiona o CPDI.
- A conselleira de Sanidade e a directora da AMTEGA visitando as instalacións do CPDI
O traslado do equipamento realizouse en varias fases coa premisa principal de
manter activos en todo momento os servizos baseados nas TIC para cidadáns e
profesionais. Isto foi posible grazas a un proceso de planificación exhaustivo
baseado na redución de riscos e que comezou hai 10 meses.
En concreto, a infraestrutura trasladada polo SERGAS é a que se utiliza para
garantir a alta dispoñibilidade dos
sistemas de información como servidores, sistemas de almacenamento, electrónica
de telecomunicacións e equipamento de copias de seguridade dos datos; que
complementa á existente no CPD de Conxo. Antes deste proceso de cambio, a
infraestrutura TIC estaba instalada nos Centros de Procesos de Datos de Conxo e
do Hospital Clínico de Santiago.
Coa integración no CPDI reubicáronse un total de 207 servidores de datos, catro
cabinas de almacenamento de información, 39 equipos de electrónica de
telecomunicacións (tanto de voz como de datos) e catro librerías para a xestión
de copias de seguridade. Así mesmo, replicouse un volume de 216 Tb brutos de
información nos sistemas de almacenamento, conseguindo que dita información
estea dispoñible en tempo real en ambas ubicacións.