Corsair presenta un portátil que integra funcións de Elgato Stream Deck

luns, 23 de maio do 2022 Marcus Fernández

Corsair, a marca especializada en produtos para xogadores, creadores de contidos e entusiastas dos ordenadores persoais, presentou hoxe o seu ordenador portátil Corsair Voyager a1600 AMD Radeon Edition, que promocionan como o seu primeiro portátil para xogar e facer streaming.
Este equipo integra un procesador AMD Ryzen 6000, unha gráfica AMD Radeon RX 6800M, un sistema de refrixeración mediante cámara de vapor capaz de manter unha temperatura moderada pese ao reducido grosor do ordenador, unha pantalla IPS de 16 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles e unha velocidade de refresco de 240 Hz, webcam Full HD apoiada por 4 micrófonos que buscan unha boa cancelación do ruído, teclado con retroiluminación RGB, 2 portos Thunderbolt 3 compatible con USB 3.0, 1 porto USB 3.2 de tipo C e, como detalle máis salientable, unha fileira de 10 teclas S sobre o teclado que permiten configurar atallos mediante o software Elgato Stream Deck (moi empregado nas realizacións de directos a través da Internet).
O novo portátil de Corsair estará dispoñible en dous modelos distintos: un básico cun procesador AMD Ryzen 7 6800HS, 32 GB de RAM e 1 TB de SSD que custará 2.699,99 dólares, e un modelo avanzado cun procesador AMD Ryzen 9 6900HS, 64 GB de RAM e 2 TB de SSD que venderase por 2.999,99 dólares. O prezo e a data de lanzamento deste equipo para o mercado español coñecerase nos vindeiros días.

JPEG - 188.1 KB
As teclas S deste equipo fan as funcións dun Stream Deck de Elgato

Vídeo promocional do novo portátil de Corsair

PUBLICIDADE