Os Huawei Pura 70 chegan con boas cámaras pero sen 5G nin os servizos de Google
xoves, 2 de maio do 2024
Aínda que dende que EE.UU. impuxo sancións a Huawei os móbiles da marca chinesa perderon o seu atractivo para usuarios europeos (ao prescindir dos servizos de Google), o fabricante non cesou de mellorar os seus dispositivos, e agora quere volver a ter presencia actualizando a marca dos seus móbiles insignia, a serie P, que pasa a chamarse serie Pura, e que finalmente chega este mes a España.
A familia de móbiles Huawei Pura 70 pretende darse a coñecer para o grande público destacando as súas magníficas cámaras, o seu coidado deseño e configuracións de alta gama que van dende o modelo básico, até o modelo Ultra, pasando por un modelo Pro, de xeito que consegue abarcar o rango de prezos habitual dos móbiles de alta gama de fabricantes como Samsung.
O Huawei Pura 70 sería o modelo máis básico, con pantalla OLED de 6,6 polgadas e unha velocidade de refresco adaptable de até 120 Hz, procesador Kirin 9000S1 de 8 núcleos, 12 GB de RAM, 256 GB de almacenamento, cámara principal de 50 Mpíxeles con apertura variable entre f/1.4 e f/4.0, ultra grande angular de 13 Mpíxeles, teleobxectivo de 12 Mpíxeles con zoom óptico de 5 aumentos (e dixital de 50 aumentos), cámara frontal de 13 Mpíxeles, batería de 4.900 mAh con carga rápida de 66 watts por cable e 50 watts sen fíos e resistencia IP68. O que podería ser todo un gama alta, aínda que co detalle de que non inclúe os servizos de Google preinstalados e tampouco conta con 5G, polo que parece difícil que vaia haber usuarios europeos que se animen a pagar os 999 euros aos que pretenden vender o dispositivo. De feito, como promoción de lanzamento están a agasallar co móbil unha funda valorada en 39 euros, uns auriculares sen fíos valorados en 179 euros e cupóns de desconto para a compra dun smartwatch ou outros auriculares sen fíos da marca.
O Huawei Pura 70 Pro sería un móbil moi semellante, aínda que cunha pantalla de 6,8 polgadas, procesador Kirin 9010 de 8 núcleos, 512 GB de almacenamento, batería de 5.050 mAh con carga rápida de 100 watts por cable e 80 watts sen fíos. Para moitos usuarios a súa diferenza máis notable (aparte do tamaño) sería a súa cámara teleobxectivo, que desta volta conta cunha resolución de 48 Mpíxeles e zoom óptico de 3,5 aumentos (dixital de 100 aumentos). O seu prezo medra até os 1.199 euros.
O móbil co que si busca chamar a atención a marca chinesa é o Huawei Pura 70 Ultra, que incrementa a súa RAM até os 16 GB, presentan unha traseira texturizada, a capacidade da súa batería até os 5.200 mAh, e melloras substanciais nas cámaras: a cámara principal ten un obxectivo emerxente de 50 Mpíxeles (presumindo de sensor de 1 polgada e apertura variable entre f/1.6 e f/4.0), un ultra grande angular de 40 Mpíxeles, e un teleobxectivo de 50 Mpíxeles con zoom óptico de 3,5 aumentos (zoom dixital de 100 aumentos). O fabricante considera que estas melloras xustifican un prezo desorbitado de 1.499 euros.
- O Huawei Pura 70 Ultra podería ser un dos móbiles con mellores cámaras do mercado, aínda que dificilmente iso compense as súas limitacións para un usuario europeo