Crean un catálogo en liña para o libro español

mércores, 4 de outubro do 2006 Marcus Fernández

O VI Congreso Iberoamericano de Editores serviu como plataforma de lanzamento do proxecto DILVE (Distribuidor de Información do Libro Español en VEnda) que xuntará información de 325.000 títulos dispoñibles do conxunto da edición española para a súa consulta, xestión e distribución a través da Internet.
Este novo programa deseñouse para o intercambio de información bibliográfica e comercial do libro español en venda entre os profesionais do libro, de xeito que así editores, libreiros, distribuidores, bibliotecarios e tendas on-line poden compartir calquera información acerca dos seus títulos coas entidades que o desexen, satisfacendo así unha demanda do sector.
Emiliano Martínez, presidente da Federación de Gremios de Editores comentou que “DILVE permitirá distribuír e consultar datos de xeito que o usuario poida identificar as súas obras xunto a contidos orientados á súa venda, como imaxes, resumos e outros textos, e incluso gravacións de audio e vídeo”.
Pola súa banda, Manuel Bragado, director de Xerais, destacou dende o seu blog que este catálogo vivo con 325.000 títulos debería poder ser emulado de xeito doado por parte do libro galego, que apenas conta con 9.000 referencias en catálogo, o que parece unha proposta da que deberían tomar nota os axentes envoltos na promoción e salvagarda da cultura galega.