DLSS 5 achegará fotorrealismo os videoxogos fusionando gráficos 3D e IA

luns, 16 de marzo do 2026 Redacción

nVIDIA anunciou DLSS 5, a nova evolución da súa tecnoloxía de superresolución baseada en intelixencia artificial, que a compañía define como o seu maior avance en gráficos por computador desde a chegada do trazado de raios en tempo real en 2018. O sistema introduce un modelo de renderizado neuronal capaz de xerar iluminación e materiais fotorrealistas en tempo real, co obxectivo de reducir a distancia entre os gráficos interactivos dos videoxogos e o nivel visual propio dos efectos especiais cinematográficos.
Segundo explicou Jensen Huang, fundador e director executivo de nVIDIA, a compañía considera este salto tecnolóxico comparable ao impacto que tiveron os modelos xerativos na intelixencia artificial. «DLSS 5 é o momento GPT dos gráficos», sinalou, destacando que a nova tecnoloxía combina renderizado tradicional con IA xerativa para lograr un salto significativo no realismo visual sen perder o control creativo dos artistas.

Un novo enfoque para o renderizado en tempo real

Desde os primeiros anos das tarxetas gráficas GeForce, nVIDIA buscou aumentar a capacidade de cálculo dispoñible para que os desenvolvedores poidan crear mundos virtuais cada vez máis realistas. Ao longo de dúas décadas, a compañía foi introducindo avances técnicos relevantes: os shaders programables coa GeForce 3 en 2001, a plataforma CUDA coa GeForce 8800 GTX en 2006 ou o trazado de raios en tempo real coa GeForce RTX 2080 Ti en 2018.
A evolución continuou co path tracing e cos chamados neural shaders introducidos na arquitectura das GeForce RTX 5090 en 2025. En conxunto, segundo datos da compañía, a capacidade de cálculo das GPU multiplicouse aproximadamente por 375.000 desde os primeiros modelos.
Aínda así, o renderizado en tempo real segue tendo limitacións importantes. Un fotograma dun videoxogo debe xerarse normalmente en arredor de 16 milisegundos para manter unha experiencia fluída, mentres que un único fotograma nunha produción de efectos visuais de Hollywood pode tardar minutos ou incluso horas en calcularse.
DLSS naceu precisamente para abordar ese problema. Presentado en 2018, inicialmente utilizaba a intelixencia artificial para reconstruír imaxes a maior resolución a partir de renderizados máis simples, mellorando o rendemento. Posteriormente incorporou técnicas de xeración de fotogramas completos mediante IA.
Na actualidade, esta tecnoloxía está integrada en máis de 750 xogos e converteuse nun estándar da industria.

Un modelo neuronal que transforma os píxeles

Coa quinta versión, nVIDIA pretende ir máis alá da optimización do rendemento e centrarse directamente na fidelidade visual. DLSS 5 utiliza un modelo neuronal que analiza os vectores de cor e movemento de cada fotograma xerado polo motor gráfico e engade información de iluminación e materiais que recrea con maior realismo os elementos da escena.
O sistema está adestrado para recoñecer diferentes compoñentes visuais dun escenario tridimensional, como personaxes, cabelo, tecidos ou pel translúcida, así como condicións ambientais de iluminación (luz frontal, contraluz ou ceos cubertos). A partir desa interpretación, o modelo é capaz de producir efectos complexos como a dispersión subsuperficial na pel, os reflexos sutís en tecidos ou as interaccións entre luz e materiais no cabelo.
A diferenza dos sistemas de xeración de imaxes usados en produción audiovisual ou creación de contidos, que adoitan funcionar fóra de liña e con resultados pouco previsibles, DLSS 5 está deseñado para ser determinista e consistente. Isto significa que cada fotograma debe manter coherencia coa escena tridimensional orixinal e cos elementos creados polos artistas do xogo.
O sistema pode operar en tempo real ata resolución 4K, mantendo unha experiencia interactiva fluída.

Control creativo para os estudios

A tecnoloxía tamén incorpora ferramentas de control destinadas aos estudios de desenvolvemento. Os artistas poderán axustar parámetros como intensidade das melloras visuais, corrección de cor ou máscaras de aplicación para decidir exactamente onde se aplican as melloras introducidas pola IA.
A integración técnica realizarase a través do framework nVIDIA Streamline, o mesmo utilizado nas actuais implementacións de DLSS e da tecnoloxía nVIDIA Reflex, polo que a adopción debería ser relativamente directa para os motores gráficos compatibles.
DLSS 5 contará co apoio de importantes editoras e estudios de desenvolvemento, entre eles Bethesda, Capcom, Hotta Studio, NetEase, Ncsoft, S-Game, Tencent, Ubisoft e Warner Bros. Games, que confirmaron a futura incorporación desta tecnoloxía en AION 2, Assassin’s Creed Shadows, Delta Force, Hogwarts Legacy, Naraka: Bladepoint, Phantom Blade Zero, Resident Evil Requiem, Starfield ou The Elder Scrolls IV: Oblivion Remastered, entre outros, a partir do outono.

Presentación de nVIDIA na que dan a coñecer DLSS 5