Damián Rey será o novo director da AMTEGA

luns, 29 de decembro do 2025 Redacción

O Consello da Xunta aprobou hoxe a remuda na dirección da AMTEGA

O Consello da Xunta aprobou esta mañá o nomeamento de Damián Rey Rodríguez como novo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en substitución de Julián Cerviño Iglesia, no cargo dende 2022, quen cesa no cargo a petición propia.
Rey Rodríguez é enxeñeiro técnico de Telecomunicación pola Universidade de Vigo (2011) e funcionario de carreira. Ao longo da súa traxectoria profesional especializouse en ámbitos como a transformación dixital, a xestión estratéxica das tecnoloxías da información e a modernización administrativa.
Conta con máis de dez anos de experiencia na Deputación de Pontevedra, administración na que exerceu diferentes responsabilidades vinculadas ás novas tecnoloxías. Entre outros cargos, foi xefe do Negociado de Soporte entre xaneiro de 2022 e novembro de 2023, así como xefe técnico do Servizo de Novas Tecnoloxías entre novembro de 2023 e marzo de 2024. Ata o seu nomeamento como director da AMTEGA ocupaba o posto de xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación pontevedresa.
O novo responsable da Axencia asume a dirección do organismo autonómico encargado de impulsar a modernización tecnolóxica da Administración galega e o desenvolvemento das políticas públicas en materia dixital.