Decenas de estudantes da USC participaron no V Foro EQ-ETSE
xoves, 4 de decembro do 2025
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago acolleu este xoves 4 de decembro unha nova edición do Foro de Empresas EQ-ETSE, espazo de interacción real entre o estudantado universitario e o tecido produtivo galego e estatal. Ao longo da mañá, converteuse nun punto de encontro estratéxico onde empresas e futuros profesionais puideron intercambiar propostas, necesidades e expectativas.
A directora da ETSE, Julia González, destacou durante a inauguración do foro “a importancia de manter un diálogo constante co tecido empresarial para garantir unha formación plenamente conectada coa realidade do sector”.
Nesta quinta edición participaron máis de vinte entidades vinculadas a ámbitos clave como a enxeñaría, a industria química, a subministración enerxética, a transformación de materiais ou a xestión hídrica. Ao foro asistiron empresas consolidadas como Repsol, Viaqua, EXLABESA, FINSA, FORESA, Idom, REGANOSA, Espina y Delfín, Alcoa, Segula Technologies, Medrar, Lonza ou o Grupo Voltan. Tamén estiveron presentes os centros tecnolóxicos Aimen e Cetaqua; o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (COETICOR); e os clúster Bioga e Viratec, que achegou perspectiva en sustentabilidade e innovación verde.
Xunto ás compañías, participaron entidades profesionais e áreas da propia USC centradas na orientación laboral e a transferencia de coñecemento, que completaron unha xornada marcada polo contacto directo e a adquisición de información útil para a progresión profesional do alumnado.
O programa comezou co acto de benvida, presidido pola directora da ETSE, Julia González, directora de ETSE, que estivo acompañada polo subdirector da ETSE, Óscar Rodríguez; polo coordinador do Máster en Enxeñaría Química e Bioprocesos, Héctor Rodríguez; polo director do departamento de Enxeñaría Química, Juan Garrido, e pola coordinadora de prácticas do Grao en Enxeñaría Química, Gemma Eibes.
Trala inauguración, iniciouse o bloque de intervencións breves nas que cada organización presentou as súas principais liñas de actividade, os seus retos inmediatos e os perfís profesionais que buscan incorporar a medio e a longo prazo. Estas exposicións permitiron ao estudantado obter unha visión actualizada das demandas do sector e dos itinerarios profesionais emerxentes.
O Foro entrou despois na súa fase máis dinámica: o espazo de networking. Durante varias horas, estudantes de grao e mestrado en Enxeñaría Química; dos grados en Biotecnoloxía e Matemáticas, e doutras titulacións da área científico-técnica da Universidade de Santiago mantiveron conversas individuais cos responsables de selección e de equipos técnicos das empresas participantes. O intercambio de currículos, a explicación de proxectos persoais e o interese por prácticas ou primeiros empregos foron protagonistas dun fluxo constante de interaccións.
Segundo trasladaron representantes das compañías, a cita converteuse nunha oportunidade “clave para detectar perfís preparados, motivados e con capacidade de adaptación aos retos tecnolóxicos actuais”. Pola súa parte, o alumnado destacou a utilidade de poder dialogar en primeira persoa con profesionais do sector e coñecer procesos de selección reais.
