Desvelan os títulos incluídos en Xbox LIVE Gold e PS Plus durante o mes de febreiro

mércores, 27 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Pasado o Nadal parece que tanto Sony coma Microsoft levantan lixeiramente o pé do acelerador á hora de nutrir o seu catálogo de xogos para os usuarios das súas plataformas de xogos en liña, polo que podemos ver na listaxe de xogos que cada compañía achegará sen custo adicional aos seus subscritores.

Styx é un dos xogos que en febreiro poderán adquirir sen custo adicional os subscritores de Xbox LIVE para a súa Xbox One

Por unha banda Microsoft dá conta de que durante todo o mes de febreiro os usuarios de Xbox One poderán facerse con Hand of Fate, curiosa mestura entre xogo de rol e roguelike con mazos de naipes (á venda habitualmente por 19,99 euros), mentres que a partires do 16 de febreiro terán o xogo de infiltración e acción Styx: Master of Shadows (valorado en 29,99 euros). Os xogo para Xbox 360, que grazas á retrocompatibilidade tamén poden xogarse en Xbox One, serán Sacred Citadel durante a primeira quincena de febreiro, e Gears of War 2 durante a segunda metade do mes.

PS Plus inclúe en febreiro unha das entregas de Persona 4 para PS3

Os subscritores de PlayStation Plus tampouco teñen grandes sorpresas, aínda que os xogos que chegarán sen custo adicional son bastante interesantes, xa que serían o xogo de loita Persona 4 Arena Ultimax (valorado en 49,99 euros) e GRID Autosport (valorado en 24,99 euros). A consola que tería que conformarse con títulos un tanto mediocres sería a PS4, con Helldivers (valorado en 19,99 euros, que como grande vantaxe ten que tamén pode xogarse en PS3 e PS Vita) e Nom Nom Galaxy (valorado en 13,99 euros).
Completan a oferta do mes de febreiro os xogos Lemmings Touch para PS Vita (actualmente á venda por 2,99 euros) e Nova-111 (xogo independente de PS Vita, que tamén pode xogarse en PS3 e PS4, e que está valorado en 14,99 euros).

A retrocompatiblidade permite que durante febreiro tanto usuarios de Xbox 360 como de Xbox One poidan gozar de Gears of War 2

PUBLICIDADE