Detectan que a PlayStation Store está a probar unha política de prezos dinámicos

luns, 9 de marzo do 2026 Redacción

Unha das cousas máis rexeitadas polo consumidores á hora de reservar unha viaxe ou adquirir un produto en liña é que as plataformas de comercialización empreguen algoritmos para alterar o prezo en función da necesidade do usuario detectada, e tal práctica está a chegar ao mundo dos videoxogos segundo datos analizados por PSprices, onde aseguran que Sony leva máis de tres meses probando un sistema de prezos dinámicos na PlayStation Store ofrecendo o mesmo xogo a distintos usuarios por cantidades diferentes.
A compañía está a realizar probas A/B: cada usuario é asignado aleatoriamente a un grupo de control ou a un grupo experimental, e en función diso ve un prezo estándar ou un prezo reducido. As rebaixas poden chegar ata o 17,6 %, unha porcentaxe que supera con claridade os descontos habituais para moitos destes xogos.
O programa inicial, IPT_OPR_TESTING, incluía 17 títulos en 42 rexións. Co paso das semanas, Sony puxo en marcha un segundo programa, IPT_PILOT, que ampliou o alcance ata 139 xogos en 68 rexións e incorporou por primeira vez producións propias de gran orzamento, como God of War Ragnarök, Marvel’s Spider-Man 2, HELLDIVERS 2 ou Stellar Blade.
Durante as promocións de febreiro, PSprices detectou que os usuarios incluídos no experimento recibían descontos diferentes aos do resto do público. HELLDIVERS 2, por exemplo, aparecía cun 56 % de desconto para participantes da proba, fronte ao 25 % habitual. Isto indica que Sony non só está a testar prezos base, senón tamén o comportamento dos consumidores ante rebaixas variables segundo o perfil do usuario .
Ademais dos títulos propios, participan editoras como 2K Games, Focus Entertainment, Deep Silver, Bethesda ou Rockstar Games. A maior parte das rexións afectadas sitúanse en Europa, Oriente Medio, Asia, América Latina e África. Pola contra, Estados Unidos e Xapón non forman parte da proba, previsiblemente por cuestións regulatorias e pola sensibilidade do mercado nestes territorios .
A inclusión de xogos insignia de Sony suxire que a compañía está a considerar seriamente modificar a súa política de prezos. A análise da elasticidade da demanda —é dicir, como reaccionan os consumidores ante variacións no prezo— podería influír nas futuras estratexias comerciais da PlayStation Store.
O experimento continúa activo e expandíndose, e podería converterse nunha práctica habitual se os resultados son favorables para a compañía nipoa.