Directivos de empresas do Tambre formaranse en transformación dixital e IA con Galicia Business School

luns, 1 de decembro do 2025 S. P.

A Asociación Área Empresarial do Tambre ofrece aos seus asociados a posibilidade de participar no Programa Xeración Dixital Pemes: Equipos Directivos da consultora formativo-tecnolóxica Galicia Business School. Este programa, de carácter gratuíto, está dirixido a directivos, profesionais e autónomos que buscan afrontar os desafíos da era dixital e potenciar a competitividade dos seus negocios.
Está orientado a que cada participante poida desenvolver un plan de transformación dixital personalizado para a súa empresa ou proxecto, recibindo acompañamento individualizado por parte de expertos da escola, que lles proporcionarán as ferramentas e coñecementos necesarios para abordar este proceso nas súas empresas de maneira eficiente e efectiva.
A formación combina 5 sesións presenciais e 24 online durante tres meses nos que se impartirán 146 horas (136 horas de clases grupais e 10 horas de mentorización personalizada).
As clases presenciais promoven o intercambio de coñecemento e experiencias entre profesionais de toda Galicia e celebraranse a partir de febreiro no Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas do Biopolo Sionlla, en Santiago de Compostela.
Pola súa banda, as sesións online aportan flexibilidade e facilitan a conciliación coa axenda profesional actual. O programa inclúe tamén análises prácticos de casos reais e obradoiros específicos para impulsar a dixitalización dos negocios participantes.
O equipo docente de Galicia Business School, integrado por directivos e profesionais en activo, iniciará as clases o 9 de febreiro.
Trataranse áreas clave, ao longo de cinco módulos, como a xestión do cambio, a dixitalización operativa, a mercadotecnia dixital e novas tecnoloxías emerxentes, entre elas a IA, a cadea de bloques (blockchain) e a computación na nube (cloud computing) cunha metodoloxía orientada á aplicación práctica en pemes.
Poderán asistir ata dous representantes por empresa, sendo requisito que as compañías teñan entre 1 e 249 empregados. As prazas asignaranse “por rigorosa orde de inscrición ata alcanzar o máximo de 50 participantes”.
O programa é completamente gratuíto e está financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Ao finalizar a formación, entregarase a titulación do propio programa e outro certificado do Programa Experto en IA para a Empresa, ambos expedidos por Galicia Business School
Galicia Business School é a escola de negocios líder en Galicia e referente na formación directiva, premiada como a mellor formación directiva en 2024 e mellor escola de negocios de España 2022 polo diario La Razón; ranking mellores MBA en 2025, 2024 e 2023, segundo o diario El Mundo; e con múltiples programas directivos no ranking da prestixiosa revista Forbes.
O experto Jesús Corral explicará nunha sesión online como a IA está redefinindo a xestión financeira
No marco do Programa Xeración Dixital Pemes: Equipos Directivos, a Asociación Área Empresarial do Tambre e Galicia Business School celebrarán este mércores, 3 de decembro, un seminario en liña gratuíto sobre a revolución da IA aplicada á toma de decisións financeiras, ás 13:00 horas. A sesión online estará impartida polo experto en IA e analítica avanzada Jesús Corral.
Nesta sesión explorarase como aplicar la IA nas áreas de finanzas e control para gañar precisión, eficiencia e visión estratéxica. Corral mostrará como as novas plataformas permiten monitorizar en tempo real ingresos e gastos, ofrecendo rastrexabilidade completa de cada transacción e eliminando zonas cegas nos procesos financeiros. Ademais, fará demostracións prácticas de automatización mediante workflows con ferramentas como Make e modelos GPT capaces de procesar documentos en segundos, reducindo riscos e minimizando o erro humano. Tamén abordará un dos ámbitos con maior impacto na función financeira: a IA Explicable, que garante que cada decisión automatizada poida auditarse, entenderse e aliñarse cos marcos reguladores actuais.
As inscricións poden facerse xa en liña.