Disney+ sobe ao carro dos microdramas con Locker Diaries

luns, 16 de febreiro do 2026 Redacción

Disney+ vén de estrear nos EE.UU. a súa particular aposta polos microdramas con Locker Diaries, unha serie concibida especificamente para o consumo en vertical e protagonizada por personaxes procedentes das franquías Zombies, Descendants e Phineas & Ferb. O proxecto insírese na estratexia de adaptación ás novas dinámicas de consumo audiovisual, marcadas polo auxe do vídeo breve nas redes sociais.
A serie presenta pequenas historias autoconclusivas que mesturan comedia, drama e elementos de intriga, ambientadas en corredores escolares e narradas a través das portas abertas dos armarios individuais dos alumnos. O enfoque busca reproducir unha experiencia visual próxima ás interaccións habituais dos usuarios en plataformas móbiles, cunha narrativa fragmentada e directa.
Os dous primeiros episodios, centrados no universo de Zombies, xa están dispoñibles en Disney+ e na canles oficiais de Disney Channel en YouTube, Instagram e TikTok. Neles participan Malachi Barton, Freya Skye, Swayam Bhatia, Julian Lerner e Mekonnen Knife, que retoman os seus papeis de Zombies 4: Dawn of the Vampires. A serie constará de once capítulos, cunha nova entrega cada sábado ata mediados de abril.
Esta iniciativa responde ao crecente interese das grandes produtoras polo formato de microdrama, un segmento que experimenta unha forte expansión, especialmente en mercados como o chinés, onde se estima que superou os 9.400 millóns de dólares o pasado ano. No caso de Disney+, a integración do vídeo vertical forma parte dunha estratexia máis ampla para incrementar a interacción diaria coa plataforma.
Dende Disney pretenden explotar o vídeo vertical de distintos xeitos, que van dende programación orixinal en formato breve ata a reutilización de fragmentos procedentes de series ou filmes máis longos. No caso que nos ocupa, temos un experimento que explora novos xeitos de conectar co público mozo a través de distintas plataformas aproveitando o potencial das súas franquías xuvenís.

Primeira entrega de Locker Diaries