Docentes do Campus de Pontevedra deseñan un avatar virtual con perspectiva feminista
luns, 2 de marzo do 2026
A partir das valoracións e opinións de 17 expertos e expertas do Campus Crea e da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, docentes das facultades de Comunicación e Deseño (Campus de Pontevedra) traballaron no desenvolvemento dun avatar virtual con perspectiva feminista, o que acabou dando lugar á creación de Alicia e á publicación de contidos protagonizados por esta figura nas redes sociais.
Creado ao abeiro da convocatoria de axudas á investigación desta cátedra promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, trátase dun proxecto realizado polos investigadores Javier Abuín, Diana Ramahí e Patricia Dopico.
O seu obxectivo, explican, era “definir unha proposta visual e conceptual” que afastase a creación deste avatar con ferramentas de intelixencia artificial xerativa “dos canons hipersexualizados habituais na cultura dixital”, así como analizar tamén se os avatares virtuais están contribuíndo á consolidación de estereotipos de xénero.
Baixo o título de Avatares virtuais con perspectiva feminista: alternativas á hipersexualización na cultura dixital desde Pontevedra, esta investigación centrouse en primeiro termo en “documentar os riscos que a hipersexualización e os nesgos de xénero dos avatares xerados con IA supoñen para a sociedade”, a través dunha revisión dos estudos científicos sobre avatares virtuais.
O equipo investigador buscou á súa vez xerar un “coñecemento aplicado que permitise formular modelos alternativos desde unha perspectiva feminista”, buscando definir “un marco de boas prácticas para o deseño de avatares virtuais”. Isto levouse a cabo a través dun “proceso participativo”, no que reuniron as opinións de 17 expertas e expertos en estudos de xénero, comunicación, deseño e educación.
A través de dúas roldas de enquisas, o equipo investigador buscou tanto coñecer “que problemáticas poden xerar os avatares virtuais que existen agora mesmo nas redes sociais e os tipos de contidos que xeran, e así abordar o deseño dun avatar con perspectiva feminista”. Deste xeito, sinala a investigadora, as “orientacións cualitativas iniciais” levaron á definición de cinco opcións de avatar, cunha estética e un contexto diferenciados.
Xa na segunda das consultas, o 53% dos expertos e expertas decantáronse polo prototipo que finalmente se converteu en Alicia. Ao mesmo tempo, fronte á pregunta inicialmente proposta polo equipo investigador, subliñaron que “non se pode representar á muller galega cun único avatar”, xa que isto podería contribuír á xeración de estereotipos, “que é contra o que tratabamos de loitar no propio proxecto”, explica Abuín.
Con estes vimbios, o equipo investigador desenvolveu a “versión final” de Alicia, “que sintetiza as preferencias maioritarias do panel de persoas expertas e os obxectivos feministas do proxecto”. Co obxectivo de que este avatar servise tamén para divulgar o traballo realizado, o proxecto completouse coa publicación en redes sociais de contidos protagonizados por Alicia, ao que se sumou unha sesión divulgativa no Mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais.
Abuín engade que “buscamos que Alicia contribúa tanto a divulgar os resultados desta investigación, como á alfabetización dixital”.
