Dous centros da ESO en Zas gañan os premios nacionais a experiencias educativas STEM

luns, 29 de decembro do 2025 Redacción

Os dous centros públicos de Educación Secundaria que a Xunta de Galicia xestiona no concello coruñés de Zas veñen de ser distinguidos nos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan a competencia dixital do alumnado. Trátase dos proxectos Clics seguros en Zas, coordinado pola docente Lorena Cerdeira no Centro Público Integrado da localidade, e Miño en xogo, desenvolvido polos profesores Fina Paulos e Óscar Rey no IES Maximino Romero de Lema.
Ambas as propostas acadaron o primeiro premio na categoría de elaboración de recursos educativos abertos para alumnado de ESO, unha na modalidade individual e a outra na colectiva, nun certame promovido polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. As dúas iniciativas xorden, ademais, de distintos programas impulsados polo Goberno galego para reforzar a competencia dixital entre o estudantado.

Riscos e ameazas na rede e nos dispositivos

Neste contexto, o proxecto do CPI de Zas nace da aplicación do recurso educativo aberto Sen medo a facer clic, integrado no proxecto cREAgal, a plataforma de contidos educativos en aberto promovida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Constitúe así un exemplo de adaptación destes materiais, postos á disposición de toda a comunidade educativa galega, á realidade específica dun centro para acadar o máximo aproveitamento.
Clics seguros en Zas persegue concienciar ao alumnado de toda a ESO sobre os riscos e ameazas presentes na rede e nos dispositivos dixitais, promovendo un uso seguro da tecnoloxía. O proxecto tamén fai fincapé nas dificultades asociadas á fenda dixital e foi recoñecido igualmente no II Concurso de iniciativas didácticas sobre Tecnoloxía para o Ben Común, organizado por Enxeñería sen fronteiras.

Uso de intelixencia artificial e radio escolar

Pola súa banda, a proposta do IES Maximino Romero de Lema é tamén un recurso educativo aberto baseado nunha experiencia didáctica desenvolvida durante o curso 24/25. Aínda que o proxecto inicial tiña un soporte físico, nun taboleiro de madeira elaborado no propio centro ao abeiro do programa Polos Creativos da Xunta, foi adaptado para se converter nun material aberto, reutilizable e replicable en calquera centro do Estado, con independencia do seu contexto, en liña cos obxectivos de cREAgal.
Miño en xogo propón unha experiencia de gamificación que combina tradición e tecnoloxía para achegar ao alumnado a diversidade, a historia, o patrimonio e a xeografía de Galicia seguindo o curso do río Miño. A iniciativa incorpora o uso da intelixencia artificial e da radio escolar, onde se gravaron as preguntas do xogo, e aborda tamén cuestións como a igualdade de xénero ou o compromiso social. O proxecto foi recoñecido, ademais, co premio Xigante Argalleiro do programa Tech Kids, impulsado pola AMTEGA xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.