Dous titulados no Grao de Animación e Videoxogos da UDC, finalistas dos Premios Mestre Mateo

luns, 23 de febreiro do 2026 S. P.

O talento emerxente da Universidade da Coruña (UDC) acadou un fito excepcional no panorama audiovisual galego. Antía Iglesias e Martín Joga, recentemente titulados no Grao de Creación Dixital, Animación e Videoxogos, foron nomeados finalistas á mellor curtametraxe de animación na XXIII edición dos Premios Mestre Mateo pola súa peza Nuno, baseada nun relato de Séchu Sende incluído no seu libro Made in Galiza. Trátase da historia dun bebé que non entende moi ben por que os seus pais, galegofalantes, lle falan diferente a el.
O proxecto, que naceu como un Traballo de Fin de Grao (TFG), pon o foco na situación sociolingüística de Galicia, narrando a percepción dun neno que observa como a comunicación dos seus pais cambia do galego ao castelán ao dirixirse a el.
Dende a Academia Galega destacan que malia a súa orixe académica, Nuno conta cun acabado técnico de alto nivel que combina a técnica de animación frame a frame en dúas dimensións con fondos xerados mediante motores de videoxogos en 3D, unha mestura que lle confire “unha estética singular e próxima”.
Antía Iglesias liderou a dirección e produción, mentres que Martín Joga centrou os seus esforzos no deseño sonoro e a arte tridimensional, contando ademais coa música de Dani Cornes, músico e creativo audiovisual, e o apoio da produtora ourensá Produciós OU ké!.
Respecto á motivación de crear esta peza, Antía Iglesias sinala: "Sobre todo, queriamos facer unha curta con esa mensaxe pola lingua que desexabamos levar a cabo".
O nomeamento foi recibido con sorpresa polos autores, quen souberon da noticia mentres se dirixían a recoller outro galardón outorgado pola UDC en conxunto con Vegalsa-Eroski polo carácter reivindicativo da súa obra. Agora, Nuno’’compite directamente con producións de equipos profesionais consolidados.
Sobre este recoñecemento, Martín Joga reflexiona: "O nivel este ano é altísimo, os nosos compañeiros de nomeamento son profesionais... É unha honra". Pola súa banda, Antía engade que o máis importante foi o recoñecemento compartido coa súa contorna académica: "Ver á nosa titora, que nos axudou tanto co proxecto, o día que nos decatamos foi moi bonito. Aínda que non gañemos, quedamos con iso".
A entrega de premios será o vindeiro 21 de marzo.
Na Rede está dispoñible o tráiler da curtametraxe.