EE.UU. acorda levantar o veto a ZTE

xoves, 12 de xullo do 2018 Marcus Fernández

O veto a ZTE imposto polos EE.UU., e que supuxo o cesamento de actividades do fabricante chinés (ao que impedían o uso de procesadores Qualcomm e do sistema operativo Android) vai camiño de ser historia, e tras o seu levantamento parcial polo Departamento de Comercio a semana pasada, agora infórmase do peche dun acordo entre o Goberno dos EE.UU. e ZTE que será efectivo en canto o fabricante chinés ingrese unha fianza de 400 millóns de dólares.
Esta fianza sería parte dun acordo por un valor total de 1.400 millóns de dólares, que permitiría a ZTE retomar completamente a súa actividade, ou sexa, que aparte dos 400 millóns de fianza, tamén teñen que afrontar unha sanción de 1.000 millóns de dólares.
A compañía chinesa tamén vén de mudar o seu cadro directivo, considerado responsable das accións da empresa que levaron ao seu veto nos EE.UU. (entre outras poucas, por facer negocios con Irán e negalo), así como establecer medidas de verificación das condicións impostas polos EE.UU. para que ZTE poida seguir operando.

PUBLICIDADE