EFE denuncia que Grok promove a desinformación en X

luns, 2 de marzo do 2026 Marcus Fernández

Durante a pasada fin de semana o conflito armado contra Irán está a servir como grande indicador da degradación da plataforma social X como fonte informativa, cunha proliferación alarmante de desinformación e falsidades promovidas polas propia plataforma, que dá prioridade a contidos creados con malas intencións, especialmente se chegan de usuarios que se lucran coa súa divulgación.
Unha boa mostra desta situación é a que está a denunciar a Agencia EFE, que tras publicar imaxes do ataque a unha escola de Irán o pasado sábado, recibiu numerosas acusacións de falsidade (o que tamén aconteceu con outros medios que divulgaron tal información) argumentando que as imaxes correspondían a un edificio bombardeado en Kabul en 2021. Entre os argumentos para apoiar as acusacións de engano por parte de EFE destacaba o uso de Grok como verificador.
Dende Agencia EFE e outros medios verificaran a información antes da súa publicación, e posteriormente compartiron moitas destas evidencias que deixaban claro que as acusacións de manipulación non tiñan ningún fundamento, aproveitando a ocasión para criticar os criterios de Grok á hora de verificar información de actualidade, así como o feito de que, aínda que corrixa o seu criterio despois de indicárselle que as súas respostas non foron rigorosas, as rectificacións non conseguen visibilidade, consolidando a desinformación, tal e como denuncia o Consello de Redacción de EFE.
Grok recoñece que entre os criterios para a verificación de feitos de actualidade considera as publicacións realizadas por usuarios que pagan por recibir a verificación na plataforma, ou sexa, os principais divulgadores de falsidades en X, polo que claramente estamos ante un sistema con nesgos que eliminan toda credibilidade.