Ebiquity confirma a fuxida dos grandes anunciantes de X/Twitter

martes, 24 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Evolución dos grandes clientes de Ebiquity que puxeron publicidade en X/Twitter nos últimos meses

Aínda que Linda Yaccarino pretende transmitir unha sensación de seguridade aos anunciantes en X/Twitter, non cesan os informes que apuntan a que dende que Musk é o dono de Twitter a cousa vai de mal en peor, xa que os grandes anunciantes non queren que as súas marcas se asocien aos discursos de odio que proliferan na plataforma social.
Desta volta é Ebiquity (que ten na súa carteira a clientes como Google, Walmart, Vodafone ou General Motors) a compañía que confirma que os grandes anunciantes deixaron de anunciarse en X/Twitter tras a compra por parte de Elon Musk. Esta compañía de consultoría traballa con 70 dos 100 meirandes anunciantes segundo COMvergence, e segundo datos que achegou a Business Insider, no último ano X/Twitter pasou de ter publicidade de 32 dos grandes clientes cos que traballa a unicamente 2.
Estas informacións contradín directamente ás afirmacións de Linda Yaccarino asegurando que o 90% dos 100 maiores anunciantes volveron a X/Twitter, así como outras declaracións de Elon Musk asegurando que case todos os anunciantes volveron á plataforma. Dende Ebiquity aseguran que a súa análise levanta «serias dúbidas sobre a fiabilidade das declaracións públicas de Yaccarino e Musk», e esta situación de falta de confianza e transparencia desaconsellan claramente investir en publicidade en X/Twitter, algo que dificilmente mudará como a compañía continúe coas súas políticas arbitrarias e contrarias aos valores cos que queren asociarse as grandes marcas.