Os anunciantes que volven a X reducen a publicidade en máis do 90%

venres, 6 de outubro do 2023 Marcus Fernández

A entrevista que concedeu a pasada semana Linda Yaccarino para falar da situación actual de X/Twitter continúa a dar que falar, e tras deixar clara bicefalia da compañía (foron moitas as contradicións entre o que dicía Yaccarino e o que publica e comenta Musk), outras fontes confirman que a directora xeral de X limitouse a xogar cos datos para tentar dar unha imaxe positiva da compañía que non ten moito que ver coa realidade.
Un dos datos que máis sorprendían dos mencionados por Yaccarino é que nas últimas 12 semanas recuperaran ao 90% dos 100 maiores anunciantes, pero dende Media Matters están a debuxar unha imaxe máis realista da situación, asegurando que a meirande parte dos 100 meirandes anunciantes nas últimas 12 semanas gastaron como mínimo un 90% menos en publicidade do que facían nas 12 semanas anteriores á compra de Twitter por parte de Elon Musk.
Un dos exemplos da caída no gasto publicitario é que un dos anunciantes que Yaccarino comentou que volvera a X, Visa, nas 12 semanas anteriores gastara en publicidade 10 dólares, cando nas 12 semanas anteriores á compra de Musk o seu investimento en anuncios foi de 77.500 dólares. Trátase dunha caída publicitaria do 99,9%, que no caso de Nissan, Walmart e HBO sería do 99,77%, do 91% e do 99,9% respectivamente.
Dá a impresión de que X simplemente está a procurar dar a imaxe de ter unha boa saúde financeira de cara á renegociación da súa débeda bancaria, aínda que vai resultarlle difícil convencelos de que a empresa vai vento en popa, cando Reuters publica que dende a compra de Musk a caída interanual de ingresos da compañía foi durante todos os meses de, como mínimo, un 55%.
Ante estes datos é moi difícil crer nas palabras de Yaccarino, especialmente cando non ten un control real da empresa, e incluso recoñece que os traballadores seguen a responder directamente ante Elon Musk, quen non dubida incluso en suxerir que podería lanzar un plan de subscrición sen publicidade (o que chocaría de fronte coa estratexia que está a seguir Yaccarino).

PUBLICIDADE