Edicións USC lanza de balde dúas novas obras arredor dos chatbots orientados ao valor público

mércores, 1 de abril do 2026 S. P.

Usuaria de dispositivo móbil nunha imaxe de Santi Alvite

Edicións USC (Universidade de Santiago) publicou este mes de marzo dúas novas obras que abordan a cuestión do chatbots (programas informáticos de presenza cada vez máis estendida na nosa vida cotiá que simulan a conversa humana cun usuario final). Son dúas novas contribucións de consulta en liña e completamente gratuítas: trátase de VALUEbot: desarrollo y validación de una plataforma generadora de chatbots con valor público e Glosario funcional de IA para el diseño de chatbots orientados al valor público: una guía desde el proyecto VALUEbot. Ambos os volumes están coordinados polos profesores Isaac Maroto e Miguel Túñez.
A primeira das obras profunda en como no contexto dos avances da Intelixencia Artificial (IA), a incorporación de sistemas algorítmicos a procesos cotiáns e estratéxicos consolida novas dependencias respecto de grandes conglomerados tecnolóxicos, que fixan o ritmo do denominado progreso e condicionan a distribución de beneficios e impactos. Os seus desenvolvedores explican que “este desprazamento de poder expón unha cuestión de gobernanza que non pode obviarse: como aliñar a adopción de IA co interese público e con marcos verificables de responsabilidade institucional”. O proxecto VALUEbot recoñece riscos como os rumbos, a descarga cognitiva asociada ao uso intensivo, a produción masiva de contidos de baixa calidade ou os usos impropios na vida social, que requiren mitigación explícita e rastrexabilidade operativa.
Pola súa parte, o segundo dos volumes conforma un complemento necesario do proxecto VALUEbot. Este glosario funcional ten como obxectivo ofrecer unha guía clara, aplicada e accesible sobre os principais conceptos de IA empregados no deseño, adestramento e validación de chatbots orientados ao valor público. Os termos seleccionados responden a un enfoque operativo e están organizados por bloques temáticos que reflicten as etapas e compoñentes clave do sistema: modelos, personalización, inferencia, avaliación, interface e valores. O glosario está orientado a profesionais da comunicación, responsables institucionais, docentes e investigadores que desexen aproximarse ao uso de IA xenerativa de forma crítica e funcional, sen necesidade de coñecementos técnicos avanzados.
Ambas as obras son parte do proxecto titulado Creación de una plataforma generadora de chatbots mediante IA para la comunicación del valor público del PSM. VALUEbot, financiado por MCIN/AEI/10.13039/501100011033 e pola Unión Europea “NextGeneration EU”/PRTR.