EdugalIA contribuirá á loita contra o abandono escolar

mércores, 4 de marzo do 2026 Redacción

Esta mañá a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, compareceu a petición propia na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia para informar sobre o proxecto EdugalIA, iniciativa integral de gobernanza educativa que sostén que será clave na loita contra o abandono escolar e na mellora da atención á diversidade, ao permitir anticiparse e axustar a toma de decisións a partir de datos obxectivos e rigorosos.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicou que EdugalIA «non se limita a adquirir tecnoloxía, senón a facela útil para mellorar o sistema e, en definitiva, para gobernar mellor». «Non é un proxecto máis, senón unha aposta estrutural de país en materia educativa para pasar da simple dixitalización a unha gobernanza intelixente, capaz de soster políticas públicas con evidencias, anticipación e avaliación real», engadiu.
Segundo Judith Fernández, o «eixo central» da iniciativa é a loita contra o abandono escolar, xa que permitirá identificar con maior precisión os factores de risco asociados, anticiparse na toma de decisións, previr estas situacións e avaliar o impacto real dos programas educativos. Isto fará posible «unha prevención real do abandono ao pasar de diagnosticar tarde a intervir con datos antes».
Na práctica, tamén facilitará unha mellor atención á diversidade mediante ferramentas que reforcen a orientación, a identificación de necesidades e a dotación de recursos, así como a adopción de decisións baseadas en evidencias. Ademais, crearase o expediente dixital único do alumno e habilitarase un punto único de comunicación entre familias, centros e administración. En conxunto, EdugalIA busca deseñar un sistema integrado de investigación e estatística educativa que permita desenvolver un ecosistema de xeración de coñecemento no ámbito educativo.
A directora xeral salientou tamén a envergadura e solvencia deste desenvolvemento tecnolóxico, considerado o proxecto de intelixencia artificial máis importante de España neste ámbito. Para levalo a cabo, a Xunta de Galicia conseguiu captar 10 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, a través dunha axuda concedida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades ao abeiro da Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda (Liña FID) para a Compra Pública de Innovación.
EdugalIA conta cun orzamento total de 16,5 millóns de euros (6,6 millóns achegados pola Xunta e 9,9 millóns procedentes de fondos europeos mediante FEDER plurirrexional). Na actualidade atópanse en fase de contratación os 13,5 millóns de euros necesarios para executar as dúas fases do proxecto: unha primeira centrada en servizos de I+D e unha segunda destinada á adquisición e despregadura das solucións correspondentes.