El sulfato atómico chega a consolas

venres, 30 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

Hai par de anos Erbe Software púxose mans á obra para recuperar as vellas aventuras gráficas de Mortadelo e Filemón editadas en CD-ROM por Zeta Multimedia nos anos 90, publicándoas desta volta en Steam, de xeito que os usuarios de PC actuais poden así lembrar estes títulos que agora serían complicados de gozar por levar moitos anos descatalogados e por estar nun soporte que tamén leva moito tempo abandonado pola meirande pare dos xogadores.
Este relanzamento vai ir máis transcender a plataforma orixinal dos xogos, e vai achegalos a consolas, e como boa mostra disco temos agora Mortadelo y Filemón: El sulfato atómico en versións para Nintendo Switch, Xbox One, Xbox Series X|S, PS4 e PS5, plataformas nas que ten un prezo de 5,99 euros (aínda que a versión de Xbox ofértase de lanzamento a 4,79 euros).
Estas novas versión do xogo de Mortadelo e Filemón chegan con textos en español, inglés, alemán e xaponés e dobraxe en español, conserva a súa música orixinal e permite configurar os seus gráficos cun filtro CRT para conseguir un aire retro.
Cómpre lembrar que as aventuras point and click de Mortadelo e Filemón teñen unicamente un valor nostálxico e están dirixidas a seareiros incondicionais dos personaxes de Francisco Ibáñez, pois estamos ante obras pouco memorables, con baixa calidade en todos os aspectos, que non só envelleceron moi mal co tempo, senón que xa eran unha simple explotación de marca no seu día.

Tráiler da versión para consolas de Mortadelo y Filemón: El sulfato atómico