Emetel renova os centros de procesamento de datos do Concello da Coruña

venres, 5 de agosto do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Emetel, recentemente recoñecida por Enterasys en base ao seu labor en materia de seguridade tecnolóxica, vén de desenvolver unha serie de melloras nos centros de procesamento de datos do Concello da Coruña. Segundo fai saber a firma, que é socia da entidade Ineo, non se trata dun simple acondicionamento, senón dunha remodelación total dos devanditos CPD, sendo o obxectivo principal destes traballos poder garantir un escenario fiábel e controlábel para dar acubillo aos sistemas de información do eido municipal. Cómpre sinalar que un centro de procesamento de datos é unha infraestrutura tecnolóxica destinada a cumprir as funcións de memoria dixital, ocupando unha sala ou un edificio e dando acubillo a computadores e tecidos de redes de comunicacións. Máis polo miúdo, o seu cometido é en boa medida o de asegurar que os datos non se perdan, amais de permitir o cómputo, o cálculo, o control e a xestión dos mesmos.
Volvendo ao traballo de Emetel, dicir que o desenvolvemento e execución do mesmo incluíu entre outras cousas unha renovación completa dos distintos subsistemas: obra civil, electricidade, climatización, armarios e infraestrutura de cables estruturada, seguridade e monitorización. Segundo informa Ineo reflectindo fontes de Emetel, o labor de remodelación incorporou tamén a adaptación dos centros de procesamento de datos á normativa actual, asegurando un funcionamento óptimo dos servizos e sistemas de información perante unha posíbel incidencia como pode ser un fallo no subministro eléctrico. Asemade, traballouse a prol dunha meirande eficacia enerxética, consumindo a menor cantidade de recursos posíbeis ao tempo que se asegura a máxima fiabilidade. Amais disto, e segundo se informa dende o propio Concello da Coruña, tódolos sistemas serán xestionados mediante unha plataforma única que permite visualizar en tempo real o estado de toda a solución. Para quen queira afondar na natureza destes labores, dicir que en YouTube hai un vídeo habilitado sobre o proceso.

PUBLICIDADE