En breve poderemos identificarnos en Facebook mediante passkeys

mércores, 18 de xuño do 2025 Redacción

Meta vén de anunciar a chegada das passkeys ou claves de acceso a Facebook, un novo método de autenticación máis sinxelo e seguro que os contrasinais tradicionais (como xa permiten Google e Windows). A medida busca mellorar a protección da conta dos usuarios e simplificar a experiencia de inicio de sesión.
As passkeys, que comezarán a despregarse nos dispositivos con iOS e Android, permitirán acceder a Facebook utilizando o recoñecemento facial, a pegada dixital ou o PIN de desbloqueo do propio dispositivo. A mesma passkey servirá tamén para Messenger, aplicación na que se activará esta funcionalidade nos vindeiros meses.
Este sistema baséase nun estándar desenvolvido pola FIDO Alliance, unha asociación industrial que traballa por reducir a dependencia global dos contrasinais. Meta, empresa matriz de Facebook, é membro activo desta alianza.
As passkeys ofrecen unha mellora notable en materia de seguridade, xa que son resistentes aos ataques por phishing e aos intentos de suplantación mediante páxinas web fraudulentas ou ligazóns enganosas. Ademais, ao seren almacenadas localmente no dispositivo do usuario, nunca son vistas, compartidas nin gardadas por Facebook.
Ademais do inicio de sesión, as passkeys poderán empregarse para autorizar compras en Meta Pay ou acceder aos backups cifrados das mensaxes en Messenger.