En marcha o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, CIBER.gal

luns, 3 de agosto do 2020 S. P.

O Nodo de Ciberseguridade Galicia, CIBER.gal, iniciativa de cooperación público-privada impulsada pola Xunta para facer avanzar na nosa terra as contornas tecnolóxicas protexidas, estará a pleno rendemento este verán. Así o vén de confirmar a axencia AMTEGA, poñendo o foco nos fortes alicerces da iniciativa, fortalecidos polo convenio asinado co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), a FEGAMP e as catro deputacións provinciais.
A previsión, polo tanto, é que ao remate do verán despegue definitivamente o nodo, que se centrarán en ámbitos como impulsar a concienciación e a formación de cidadáns e empresas en materia de ciberseguridade; dar resposta coordinada a retos complexos relacionadas coa salvagarda de información; promover a xeración, atracción e retención de talento especializado, e contribuír á visualización de Galicia neste ámbito a nivel estatal e europeo.
Segundo lembra AMTEGA, o nodo é un instrumento de cooperación no que participan as tres administracións con competencias na materia para, por unha banda, facilitar a dispoñibilidade e o intercambio deses recursos e, por outra, artellar a colaboración público-privada neste ámbito para facilitar unha carteira integral de servizos e que o Nodo se converta nun aglutinador das iniciativas de ciberseguridade en Galicia.
Servizos para cidadáns, administracións públicas e pemes
O inicio da actividade do nodo CIBER.gal focalizarase na formación e concienciación á cidadanía, ás empresas, en especial ás pemes, e ás administracións públicas, dando resposta ás inquedanzas e necesidades sinaladas polos axentes consultados.
Para a cidadanía os servizos centraranse en accións de formación a estudantes e eventos participativos para os diferentes niveis educativos (secundaria, bacharelato, formación profesional e universidade). Ademais, desenvolveranse accións de capacitacións básica no uso seguro das tecnoloxías para persoas maiores. Como primeiro paso para avanzar neste ámbito colaborarase con INCIBE na promoción e execución de xornadas técnicas de ciberseguridade nas escolas con accións dirixidas tanto a alumnos como a docentes de materias relacionadas coas novas tecnoloxías para que adquiran as habilidades para impartir os talleres aos alumnos.
Para as pemes e autónomos a concienciación e a difusión tamén serán eixos prioritarios dos servizos de CIBER.gal en colaboración con outros axentes do Nodo. Segundo informa AMTEGA, neste ámbito xa se están realizando accións como os servizos do plan Re-Acciona para a definición de estratexias de ciberseguridade nas pemes, achegando este ano 14 tipos de servizos nesta área por un importe de 290.000 euros.
Ademais, poñeranse en marcha acciones específicas para este público en colaboración con INCIBE como formacións no ámbito a análise dos riscos e uso de servizos de seguridade.
No ámbito das administracións públicas, identificáronse como vindeiros pasos a realización de xornadas de formación aos axentes chave dos concellos para a súa capacitación en competencias básicas relacionadas coa ciberseguridade e protocolos de actuación, e formación avanzada para os servizos TI das administracións autonómicas, provinciais e locais.
“Unha vez lanzadas estas iniciativas”, engaden AMTEGA, “poñeranse en marcha accións de maior complexidade para o deseño e posta en marcha de proxectos aliñados coas tendencias de evolución en ciberseguridade, e que respondan tanto as necesidades estratéxicas das administracións como a sectores tractores en Galicia”.
Reforzo da ciberseguridade da Administración autonómica
A AMTEGA vén de licitar un contrato para reforzar o servizo de ciberseguridade por un importe estimado de 4,7 millóns de euros por un período de 4 anos anos contando as posibles prórrogas. O contrato abrangue entre outros servizos de monitoraxe de eventos e a xestión de incidentes de seguridade 24x7; a operación, administración e evolución de diferentes ferramentas de ciberseguridade; como por exemplo o sistema de xestión de eventos e información de seguridade ou o antivirus corporativo, consultoría de alta especialización en seguridade; vixilancia dixital e ciberintelixencia; ademais da coordinación e seguimento do plan de adecuación ao Esquema Nacional de Seguridade (ENS) e a outras normas de seguridade como a ISO 27002 e o apoio técnico no mantemento das metodoloxías, normativas e estándares tecnolóxicos a seguir polo conxunto da organización, no ámbito da seguridade da información.
Este servizo colaborará co resto de servizos de seguridade xestionados pola AMTEGA, sobre todo co servizo de soporte de seguridade en redes, co servizo de apoio aos Delegados de Protección de Datos e co de apoio á adecuación ao Regulamento Xeral de Protección de Datos, co obxectivo de acadar un bo nivel de seguridade da información e dos servizos dixitais xestionados pola axencia autonómica para a Xunta de Galicia.
Situación da ciberseguridade en Galicia
O pasado mes de marzo presentouse o Informe de Situación da Ciberseguridade en Galicia, no que se identifican os axentes implicados neste ámbito na Comunidade, púlsase a súa opinión sobre os retos e necesidades e sinálase a folla de ruta inicial para a posta en marcha do Nodo e a súa carteira de servizos.
O informe identifica ata 167 entidades relacionadas coa ciberseguridade en Galicia, das que 103 son empresas que ofrecen produtos e servizos de protección TIC. Os consultados coinciden na necesidade de incrementar as accións de formación e concienciación á cidadanía.

PUBLICIDADE