Ricardo Cao recibe no Campus de Ferrol ao alumnado da 3º promoción do mestrado SEAS 4.0

mércores, 14 de febreiro do 2024 S. P.

Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña, acompañado da vicerreitora do Campus de Ferrol Ana Ares, o director do Campus, Marcos Míguez, o director da EPEF, Vicente Díaz Casás, e o director de Proxecto de Navantia Seanergies, Fernando Lago, recibiron este mércores no Campus ferrolán ao alumnado da terceira promoción do Mestrado Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo (o mestrado SEAS 4.0).
Ao longo da semana, os 19 estudantes matriculados no Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 e procedentes de Pakistán, Nixeria, Azerbaixán, Sudán, Turquía, Camerún, Colombia, Irán, Rusia e Perú visitarán a cidade departamental e os seus concellos limítrofes, o Museo da Construción Naval (Exponav) así como os estaleiros de Navantia en Ferrol e Fene. Está previsto que este xoves 15 de febreiro, ás 09:15 horas, os reciba o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, nun acto institucional no Pazo Municipal.
A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acolle desde o curso 2021/2022 o Mestrado Erasmus Mundus SEAS 4.0, unha titulación internacional que afonda no estudo e aplicación das tecnoloxías 4.0, de eficiencia enerxética e de mellora medioambiental no eido do sector naval, así como na construción e operación do buque. O proxecto, financiado pola Comisión Europea, naceu baixo o paraugas dun consorcio integrado pola Universidade de Nápoles Federico II (Italia), a Universidade da Coruña (España) e a Universidade de Zagreb (Croacia). Máis tarde, sumaríase ao proxecto a Universidade Técnica de Hamburgo (Alemaña).
A coordinadora principal de SEAS 4.0 é a profesora do Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade de Nápoles Federico II, Ermina Begovic. O responsábel na UDC é o director do Campus Industrial, profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e membro do Grupo Integrado de Enxeñaría (Gii), Marcos Míguez. Na Universidade de Zagreb, a coordinación recaeu no profesor Jerolim Andric, e na da Universidade Técnica de Hamburgo en Franz von Bock und Polach.
O Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 presenta un plan de mobilidade que leva ao alumnado a cursar o primeiro semestre na cidade de Nápoles, o segundo en Ferrol e o terceiro en Nápoles, Ferrol, Zagreb ou Hamburgo, segundo as súas preferencias. No que atinxe ao Traballo Fin de Máster (TFM) poderá realizalo en calquera das tres universidades que integran o consorcio, nas universidades asociadas ou ben nas sedes dos denominados socios industriais.
Ao seu remate, o alumno ou alumna recibirá dous títulos oficiais. O primeiro estará emitido pola Universidade de Nápoles Federico II e o segundo pola Universidade da Coruña. A maiores, obterán tamén un documento adicional no que se recollerá o itinerario cursado no terceiro semestre.

PUBLICIDADE