En marcha o proxecto europeo Allocate, co obxectivo de situar A Coruña na vangarda da IA

mércores, 26 de novembro do 2025 S. P.

A Cidade das TIC da Coruña, antiga Fábrica de Armas, foi este martes 25 de novembro o marco escollido polo Concello para lanzar o proxecto Allocate, un investimento de 5,5 millóns de euros que conta con 4,4 millóns da iniciativa urbana europea e que a alcaldesa, Inés Rey, presentou este mércores 26 ante aos socios que forman parte do proxecto e tamén ao tecido TIC da cidade, reunido na presentación e nas sesións técnicas posteriores, nas que se explicaron polo miúdo os detalles do plan.
Segundo explicou, Allocate busca dar “un pulo ao desenvolvemento dende o local da Intelixencia Artificial, un pulo en consonancia cos valores que defendemos”. Aseverou que “cremos que é posible o desenvolvemento dunha IA verde e ética, unha IA que poidamos desenvolver dende o local e que sirva para lle dar servizo á cidadanía e para impulsar o público”, indicou Inés Rey, que na presentación estivo acompañada polos representantes das entidades e empresas que baixo o liderado do Concello forman parte, como socios, de Allocate: o Clúster TIC Galicia, a UDC, a firma local Altia e a consultora Khora, representados respectivamente por Antonio Rodríguez del Corral, Jerónimo Puertas, Ramón Costa e Pablo Macías.
Ao acto asistiron tamén responsables das cidades europeas que tamén impulsan o proxecto para a transferencia do coñecemento, Reggio Emilia (Italia), Viana do Castelo (Portugal) e Heidelberg (Alemaña), urbes que tamén poderán aplicar os resultados dos traballos desenvolvidos na Coruña.
"Este proxecto permitirá ofrecer potentes medios propios de computación para poñer ao servizo do tecido TIC local, e permitirá tamén o desenvolvemento de novas solucións en asuntos como a mobilidade e a xestión de residuos a través da xestión de datos aportados dende a Administración local", indicou a alcaldesa.
Allocate, dixo, “permitirá a implantación de material tecnolóxico para facilitar a xestión de grandes datos que precisa o desenvolvemento da IA”. Ademais, engadiu, “o programa ofrecerá formación e, a través do Concello, facilitará ás empresas o acceso a grandes bases de datos que permitan aplicar sistemas de mellora na mobilidade e na xestión de residuos mediante ferramentas que poderán ser creadas por compañías locais, recursos que poderán ser exportables a outras cidades para contribuír a mellorar os servizos públicos”.
A implantación da intelixencia artificial levarase a cabo “aplicando os códigos éticos e a perspectiva de coidado medioambiental que forman tamén parte do proxecto, que buscará, entre outras cousas, minimizar os grandes consumos enerxéticos que en xeral leva aparellada a IA”, sinalou, engadindo que “o que hoxe empezamos a desenvolver aquí busca ser vangarda a nivel internacional, achegando capacidades de xestión novas e adaptables que poidan empregar tamén outras cidades atendendo ás súas necesidades específicas".
No acto participaron tamén o director da AESIA, Ignasi Belda, e o director xeral da AMTEGA, Julián Cerviño, Rey agradeceu a súa presenza e implicación nun proxecto que, recordou, servirá para fornecer o papel da Coruña como capital tecnolóxica de Galicia, non só porque na cidade e a súa contorna están establecidas case a metade das empresas TIC galegas, senón tamén porque con recursos como a Cidade das TIC e a propia AESIA, A Coruña é xa un referente cun amplo potencial de crecemento.
Logo da presentación do proxecto realizouse unha mesa técnica cos socios á que asistiron como relatores o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez, a especialista en IA da UDC Berta Guijarro, investigadora do CITIC da UDC, e o representante da consultora Khora, Daniel Ayala.
Julián Cerviño salienta a capacidade de Galicia para converterse en referente IA
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia, salientou na presentación de Allocate a capacidade da Comunidade galega para “consolidarse como referente nacional na implantación da intelixencia artificial (IA)”, grazas ao traballo continuado de planificación e normativa, dixo.
Julián Cerviño engadiu que Galicia “foi unha das primeiras comunidades autónomas en elaborar unha estratexia propia de intelixencia artificial (EGIA2030), que dispón dun marco normativo pioneiro a nivel estatal e acolle a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), o que reforza o compromiso da comunidade cun desenvolvemento responsable e seguro destas tecnoloxías”.
Ademais, destacou a aprobación, esta mesma semana, do Programa Galego de IA, dotado cun orzamento de 54 millóns de euros para estender o uso da intelixencia artificial a todos os ámbitos: administración pública, tecido empresarial e cidadanía.
Entre as iniciativas recollidas no Programa figuran liñas de apoio para que as pequenas e medianas empresas poidan incorporar solucións de IA nos seus procesos produtivos como o programa de axudas IA 360 ou o Tícket Innova, dotados con 4 millóns e que se convocarán en xaneiro. Ademais, para facilitar a adopción da IA polos concellos e, especialmente, polos máis pequenos, lembrou que a Xunta “artellará acordos marco aos que se poidan adherir, unha fórmula que simplifica e axiliza os procesos de contratación, o que redunda na redución de custos e dos tempos para a implantación de solucións”.
Proxecto Allocate
Allocate é unha iniciativa europea destinada a impulsar a adopción da IA para optimizar servizos públicos como mobilidade, residuos, emerxencias ou atención á cidadanía. No Concello da Coruña, a iniciativa conta cun orzamento de 5,5 millóns de euros, dos que 4,4 proceden de fondos europeos e un prazo de execución de 3 anos e medio para mellorar servizos e a vida dos cidadáns.