En marcha un proxecto de cribado automático de retinopatía diabética con IA

venres, 13 de marzo do 2026 S. P.

O conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, presentou no Centro de Saúde Virxe da Peregrina o innovador proxecto de cribado automático de retinopatía diabética que, apoiado na intelixencia artificial, comezará a funcionar de xeito inmediato na Área Sanitaria de Pontevedra.
Acompañado polo delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, do director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, e do xerente da área sanitaria, José Flores, o titular de Sanidade explicou que a aplicación da IA no diagnóstico da retinopatía diabética permitirá avaliar “de forma áxil e segura a aparición de calquera signo precoz de patoloxía nos pacientes que sofren diabetes e que necesitan un control periódico”.
Deste xeito, os pacientes terán un acceso inmediato aos resultados da proba e, naqueles casos nos que a IA detecte algún signo de sospeita patolóxica, rexistrarase unha consulta co oftalmólogo para a súa valoración.
O conselleiro explicou que “a diferenza é substancial con respecto á situación actual, xa que a día de hoxe practicamente todas as retinografías realizadas en atención primaria son remitidas ao servizo hospitalario de oftalmoloxía para a súa interpretación”.
Entre as vantaxes desta nova ferramenta destacan: a dotación dun sistema de triaxe automatizado; a redución da carga hospitalaria ao evitar derivacións innecesarias ao oftalmólogo; ou a mellora das coberturas de cribado, ao posibilitar que máis persoas realicen as probas.
“Galicia é líder na regulación da intelixencia artificial e na transformación dixital da Sanidade“, salientou Gómez Caamaño, lembrando que a Xunta está a mobilizar un investimento de 1,4 millóns de euros de fondos europeos para incorporar diversas solucións tecnolóxicas ao sistema sanitario público galego.
En concreto, o Servizo Galego de Saúde está a impulsar o emprego da Intelixencia Artificial nos seus cribados de detección de cancro de mama e próstata, en probas de cribado citolóxico ou na valoración de imaxes de radioloxía simple (tórax, patoloxía osteomuscular e columna).