En marcha unha campaña na Rede para publicar unha guía galega que nos axude a sobrevivir enerxeticamente
venres, 20 de setembro do 2013
Manuel Casal Lodeiro,
responsábel de proxectos pioneiros en redes sociais como Fillos.org
ou máis recentemente dunha guía
TIC para os os colectivos sociais e culturais da nosa terra, ten
entre mans unha nova iniciativa vencellada ás novas tecnoloxías e á
nosa terra aínda que contidos universais, aplicábeis ao conxunto de
tódolos países e contornas sociais. A iniciativa, da que tamén é
responsábel o profesor da USC (e ex director do INEGA) Xoán Ramón
Doldán, baséase en dar forma con axuda dos internautas a un libro
que prepara á sociedade galega para vivir sen petróleo. Trátase
pois dun proxecto de micromecenado, posto en marcha en Verkami pola
asociación Véspera de Nada, co obxectivo de permitir que vexa a luz
a Guía para o descenso enerxético. Ás 48 horas do
lanzamento da campaña, xa se conseguiran mil euros de financiamento.
O xermolo do libro xa vén
de antigo, segundo informan Doldán e Casal. De feito, fíxose
coñecido en círculos activistas galegos desde que en 2008 comezara
a falar no Foro Social Galego dun problema de graves consecuencias
para o funcionamento da economía e para a vida de toda a poboación:
o problema do peak oil, termo en inglés co que se coñece a
chegada do petróleo ao seu punto máximo de extracción a nivel
mundial, “intre a partir do cal comeza un declive irreversíbel”.
Pois ben, ao fío disto, cómpre lembrar que a Axencia Internacional
de Enerxía xa se viu obrigada a recoñecer que chegamos a ese punto.
Para os membros do dito colectivo, “a partir de agora será todo
costa abaixo e a sociedade ten que se preparar para as repercusións,
que xa están aquí en forma de crise económica”.
Así pois, o obxectivo da Guía para o descenso enerxético é
“axudar na transformación do modelo enerxético e produtivo hoxe
dominante no mundo e na Galiza, baseado no uso masivo de combustíbeis
fósiles, en particular do petróleo".
Segundo as previsións
que manexan os expertos no tema a enerxía vai ser cada vez máis
cara e menos abundante, e iso obrigará, afirman en Véspera de Nada,
a mudar de raíz o modelo económico actual. “É precisamente na
base social onde debe comezar a transformación", aclaran, e por
iso dirixen o libro e a campaña de crowdfunding para poder
publicalo, a todas as familias, empresas e colectivos sociais do
país.
As persoas interesadas
poden consultar información sobre a guía, visualizar un vídeo de
presentación e participar no financiamento colectivo do libro na web
Galiza.PosPetroleo.com,
na páxina da asociación Véspera
de Nada e máis no Twitter
de seu.